Un político ás 4 da madrugada

Sanna Marin é una muller finlandesa de 36 anos que debería ser un referente da política deste século, como muller nova que lidera un país. Non entanto fíxose moi coñecida por saír de festa, tomar unhas copas e por divertirse nos seus días de vacacións.

Resultaría asombroso se non fose porque Sanna Marin chegou a verse forzada a facer un control antidrogas, a demostrar ante os seus cidadáns con bágoas no rostro que non consumira o que fose que cada quen puidese pensar que está mal, a poñer a súa vida privada no debate público e a asistir a que todo o mundo opinase. Non vin moita crítica (case ningunha) á persoa que fixo público ese vídeo no que se lle viu divertíndose e que, quen sabe, se cadra hoxe ten máis cartos que antes de “filtralo”. E de entre todas as críticas que vin ou lin nese mundo perverso das redes sociais observei algunhas de persoas ás que coñezo, e que non soportarían nin un mínimo escrutinio público da súa vida privada. Hipocrisía.

Vexo habitualmente como hai persoas con responsabilidades públicas que deben sacar libretiña e apuntar reclamacións de cidadáns durante unha cea coa súa familia. Observo con frustración como hai 4 ou 5 veces por concerto que alguén se achega a dicir “perdoa un momentiño, xa sei que non é momento pero quería comentarche unha cousa”. E todas elas asúmense que “van no soldo” (incluso daqueles que non cobran un patacón, que son moitos). Son persoas ben intencionadas na inmensa maioría de casos, e por iso as cousas pasan sen problema. Pero tamén teño visto como estas mesmas persoas reciben unha man no lombo ao achegarse a pedir nun bar e escoitan “que ben o pasas de festa en vez de traballar”. Tamén vexo moitas miradas indiscretas, e algún móbil alerta por se acaso. Son os menos, claro que si, pero basta que pase algo para...

Eu teño bos amigos cos que, ás veces, estou ás 4 da mañá tomando unha última cervexa antes de ir para casa. Ou monto boas churrascadas nas que tomamos algunhas copas. Non bailo moito porque son un desastre (xa me gustaría), vou a concertos e fago algunha viaxe cando podo. Estando de festa en moitas ocasións podo ser tan simple e frívolo coma calquera. Reivindico o meu dereito a facelo, aínda que no mundo no que vivimos un xa non sabe se isto é unha tolemia. Moitas veces tamén eu, que son un ninguén, teño evitado algún divertimento por non ser fotografiado, por non coñecer a todo o mundo ao meu arredor ou por evitar as miradas para min e para os que me rodean, que aguantan e comprenden con aplomo admirable.

Pola miña banda Sanna Marin é un exemplo, e tamén un símbolo do dereito á vida privada. Vaia mundo...


Un político ás 4 da madrugada

Te puede interesar