A porta do inferno

Amemoria de curto prazo permite facer lembranza fresca dese brinde provocador da Comunidade Europea, en favor do sector do gas, para inaugurar o aninovo, propoñendo etiquetar de verde á enerxía producida polas centrais nucleares e de gas. A nova veu co desconcerto e nocturnidade da véspera, empregando o balbordo festeiro da Noitevella, cos prezos da luz en niveis máximos, nunha operación deseñada coa evidencia certeira de que se quixo evitar ruído nunha decisión política que xa estaba tomada, abrindo unha nova clasificación para teledirixir as finanzas cara á transición ecolóxica deste ámbito comunitario. Aínda así, coa reacción adversa de parte do poder político gobernante que non vai soportar a inclusión da enerxía nuclear nesa consideración, o que realmente se agocha é, en palabras dunha voz autorizada no ámbito da decisión, unha aposta polo gas: “Nin a nuclear nin o gas son enerxías limpas, pero como elemento de transición e mal menor prefiro a segunda, por permitir unha xestión máis flexible”. Branco e en botella, leite.

Atrás fica o Compromiso Global polo Metano, o segundo gas de efecto invernadoiro máis común, subscrito por setenta países no marco do cumio climático celebrado meses atrás en Glasgow, coa pretensión de reducir as emisións deste potente gas que é letal para a capa de ozono terrestre. Formalmente, Europa lánzase de xeito decidido á caza das fugas de metano co novo regulamento da Comisión obrigando ás empresas que emiten esta gas á atmosfera e a escudriñar e reparar as fugas relacionadas co petróleo e o gas natural. Estamos diante dun xogo de espellos trucados.

Por iso, a xeito de metáfora retranqueira, dende os territorios de Oriente afastado, chega o eco dun novo empeño no intento de apagar a “Porta do Inferno”, nome popular polo que se coñece a este cráter, froito dun accidente ao afondar na procura de gas, que leva ardendo máis de cincuenta anos en Turkmenistán. Malia que hoxe se aproveite como atractivo turístico pola atípica e singular marabilla dun fenómeno sen parangón, na realidade é consecuencia da cobiza empresarial que provocou o colapso dunha cámara de gas ao perforar na busca de combustible fósil; e diante do accidente tomaron a decisión de prenderlle lume par evitar que o gas tóxico se propagase. Velaí está aínda, medio século despois, ardendo sen parar como se dun facho olímpico se tratase. Así e todo, aquí o que está en xogo é a emerxencia climática do planeta.

A porta do inferno

Te puede interesar