Acabo de coñecer os beneficios semestrais de Repsol e Iberdrola, 2.500 e 4.200 millóns de euros, respectivamente. Neste preciso instante repaso a miña factura eléctrica e a guillotina paréceme unha solución suave ao que está sucedendo.
Como é posible: inflación disparada, prezos inasumibles dos combustibles. Como manteñen o obsceno beneficio das eléctricas? Noutros tempos tomariamos as rúas para reivindicar políticas e accións contra a usura e o espolio ao que nos someten. A pandemia, os gobernos dos nosos facendo políticas similares as dos outros e moitas cousas máis teñen acabado coa nosa capacidade de indignación e reacción.
A sociedade está no punto que querían: adormecida e buscando solucións individuais a un problema colectivo. O problema é a acumulación de riqueza en poucas mans. Unha riqueza que procede do esforzo do conxunto da clase obreira. Si, da clase obreira porque a clase media non existe.
Cómpre que nos organizemos e fagamos algo para mudar as cousas, política pero sobre todo socialmente. A unidade na rúa é imprescindible parar esta grande estafa. Hai que presionar aos gobernos, señan cales señan, para que actúen en consecuencia coas necesidades da xente traballadora. E nos concellos tamén.
En Vilagarcía e en moitos outros unha boa parte do gasto é a factura enerxética. Que pasaría se todos os gobernos locais do país decidirán de forma conxunta non pagar estas facturas, ou escoller suministradoras que aposten polo cooperativismo e a enerxía verde. É cousa de probar.
Namentras, cabreámonos nas redes, nos bares, no sofá. Os catro listos de turno enchen os seus petos esperando ver cantos likes de cabreo sumamos os indignados, e a ver se sucede que sendo milleiros cambian de actitude. É ironía, a única forma é a contestación dura, directa e constante da sociedade contra esta grandísima estafa.