O pracer da chuvia

Nos andeis das bibliotecas e librarías, atopamos frecuentemente obras clasificadas como novelas que, na realidade, transcenden esta categoría. Estes libros, a miúdo narrados en primeira persoa, ofrecen unha visión íntima e persoal que vai máis alá da mera autobiografía. Representan unha valiosa contribución á memoria social, un tesouro de antropoloxía e socioloxía que nos permite mergullarnos nunha época determinada, descubrindo os lugares, as xentes e os procesos de transformación social. Nas súas páxinas podemos comprender as dinámicas de cambio nos territorios e nas comunidades, todo iso sen a necesidade de recorrer a representacións gráficas ou indicadores estatísticos. Estas obras son, en esencia, unha ponte entre o persoal e o colectivo, unha narrativa que enriquece a nosa comprensión do pasado e ilumina os camiños do futuro.


Velaí a dimensión de “O pracer da chuvia”, obra narrativa de Manuel Vázquez, que mergulla ao lector na esencia de Galiza, percorrendo unha viaxe do pasado ao presente e do rural ao urbano. A través das súas páxinas, este autor, fai unha defensa apaixonada do rural galego e da súa herdanza cultural, presentando personaxes anónimos pero con nome propio que entretecen a historia recente do país. Unha radiografía fiel das “historias de labregos que estaban vezadas de resistencia, emigración e fracaso, non no persoal, que moitas veces foi un triunfo, senón no da identidade e cultural, no que atinxe á alma ou esencia íntima da persoa” porque, a diferencia dos actuais gandeiros, os labregos de antano adoptaron un modelo de traballo solidario e de auxilio mutuo, característico dunha economía circular. Naquel sistema, as persoas, o gando e a terra actúan e conxunto para cumprir obxectivos de utilidade común, coidado do entorno natural e harmonía na convivencia. En contraste, as modernas explotacións gandeiras operan como empresas puramente comerciais, marcadas polo individualismo e a obtención lucro mercantil.  


Neste libro que vai xa pola segunda edición, editado por Medulia, o autor ofrece unha visión que vai máis alá da nostalxia, aportando unha crítica construtiva e ferramentas para afrontar o “auto odio” que, segundo el, aínda se mantén vivo na sociedade galega. Para iso, o relato non segue unha estrutura clásica, senón que é descrita como moi coral, entrelazando diferentes fíos narrativos que forman un único cordón que avanza e retrocede no tempo, mostrando a diversidade cultural galega, reflectindo a conexión entre o rural e o urbano e a importancia de valorar a cultura propia para poder abrirse a outras culturas. É unha porta de entrada á diversidade cultural do mundo. Representa unha aposta pola literatura comprometida coa realidade e tecida cos fíos da vida. Invita á reflexión sobre a identidade, a cultura e o valor do rural na sociedade actual. Sobre o que fomos e no que mudamos. Na experiencia persoal e na colectiva. Chuvia fina que nos vai levando pola literatura universal, a música, ás viaxes e o amor polo ecoloxismo e a liberdade. Un pracer de coñecementos. 

O pracer da chuvia

Te puede interesar