Profesionais da queixa

Sendo máis novo trataba de manter o hábito de xogar ao fútbol os sábados pola tarde coa mesma panda de amigos. Pensando ser os novos Zidane, Djalminha ou Mostovoi (como digo, xa hai uns anos) tentábamos de buscar o mellor lugar posible, grande e con porterías decentes para xogar. Agora a rapazada xa non xoga por libre, que todo está organizado por clubes, pero cando nós saiamos da casa necesitábamos saber que non fallaría ninguén para poder ser equipos equilibrados, que habería campo e non estaría ocupado e incluso que non chegaríamos a xogar sen balón.

Como as cousas non caen feitas do ceo sempre hai quen nun grupo coma ese adicábase a perder algún ratiño da semana en atopar un bo campo, en avisar a todo o mundo un par de veces para asegurar que irían á hora indicada, controlar que tivéramos balón e, incluso, saber que había un bar próximo con bos pinchos para ir ao terminar. Non sempre era o mellor campo, o mellor balón ou o mellor bar, pero si sei que hai moita xente que tiña un gran sábado pola tarde sen facer nada. Incluso sen agradecer a quen organizaba, que tampouco o pedía.

Había, eso si, un par de persoas que nunca estaban contentas. Xamais buscaron un lugar, xamais se preocupaban de nada, incluso algunha vez fallaban e non avisaban polo que os demais tiñamos que reorganizar sobre a marcha. Nunca puxeron un coche para ir a algún lugar e ata escaqueaban de pagar una cerveciña algunha vez. Eso si, sempre se queixaban de calquera detalle se non saía perfecto. Ás veces me pregunto para que viñan se nunca parecían quedar contentos. Ademais non xogaban especialmente ben.

Na vida, como no traballo, nas familias, nos partidos cos amigos ou como na política, pasa que hai dous tipos de persoas: as que ven as cousas pasar e as que fan que as cousas pasen. Hai milleiros de posibilidades de equivocarse se estás no segundo grupo, pero pregúntome que pasaría se todos estivesen no primeiro. Triste é ver xente todo o día queixándose, buscando calquera motivo para armar unha bronca ou para descualificar a outros. Hai verdadeiros profesionais de non pegar pau pero protestar por todo. Sexa un partido de fútbol, unha reforma laboral ou un centro de saúde.

Profesionais da queixa

Te puede interesar