Propoñer máis que oponer

Vivimos inmersos na confrontación. Pode ser deportiva entre Celta e Dépor ou entre Barça e Madrid. Pode ser musical, entre Beatles e Rolling ou entre Xoel e Iván Ferreiro. Pode ser de localismo, entre Coruña e Vigo, O Grove e Sanxenxo ou Cambados e Vilagarcía. Pode ser de mil cuestións distintas, pero pode ser tamén que precisemos de enfrentarnos a algo para autoidenficarnos, e aí pode haber un problema.

Resulta cansino que teñamos a necesidade de discutir ao de enfrente (incluso aínda que en realidade non esté enfrente) para poder sentirnos máis propios, máis auténticos. Dá a sensación de que todo nos leva a vivir en tensión permanente. Destruír é máis fácil que construír, iso é certo, pero tamén é igualmente certo que ser propositivo é moito mellor para todos que ser únicamente opositor.

De que nos sirve contar que o de enfrente fai todo mal se non somos quen de facer nada bo nós mesmos. Un bo amigo contábame hai pouco o mala que era a súa exparella, que todo o facía mal e que equivocábase sempre. Eu pregúntome por que tiña tanta rabia acumulada se, visto o visto, o mellor era que non seguisen adiante se as cousas eran tan malas. Pero pregunteille que fixo el para conseguir mellorar as cousas, e costoulle darme algunha idea. Parecía que non estaba na súa cabeza ter que pensar en positivo.

Si, pasa tamén na política, onde hai quen permanece todo o rato contando o mal que o fan os outros. Aínda que para iso teña que retorcer algo os datos, confundir números e ata mentir un pouco para intentar contar que as cousas que van ben non son tan boas. Hai políticos alérxicos ás boas noticias, porque viven mellor na confrontación. Precisamos un pouco de aire fresco, e algo máis de sentido colectivo. Se cadra por aí entenderíamos que nada é branco ou negro, porque hai moita cor polo medio. E son bonitas.


Propoñer máis que oponer

Te puede interesar