Quo vadis, amiguiño?

A espiral non parece ter fin, e vaise poñendo a cousa cada vez peor. Non hai maneira de facer entrar en razón a algún políticos de que non sirve de nada, e non resolve nada, andar a berrar polas esquinas que todo é un desastre e que o mundo vaise acabar mañá. A ninguén se lle resolve o problema de que a froita estea máis cara que nunca, de que teña menos vacacións das que se merece no choio ou de que non teña cita para o médico antes de dúas semanas (e grazas). 
 

Non entanto, parece haber algúns señores que se presentan como líderes tan absolutamente moderados que son moderadamente absolutistas. E, así, coa verdade na man que eles sempre teñen, ditaminan cada día diante dun micrófono distinto que os demais non están lexitimados para gobernar e que todo o que non sexa darlles a razón é case que un golpe de Estado. Así, falando só entre eles, van armándose de razón e vai o país revolvéndose. E así hai xuíces que ocupan cargos que non deberan dende os que protexen a políticos que se encargan de incumprir as leis para que eses xuíces sigan nos seus cargos e non fagan nada cando se incumpren esas leis. Todo perfecto e pechado.
 

Mentres sucede, afilan as súas verbas os que alimentan a confrontación e incitan a levantarse contra todos aqueles que non pensen coma si. Triste cariz que está tomando todo. Se cadra deberían reflexionar os que creron que a moderación e a calma son valores que poden terse so con presumir deles.
 

Pero parece obvio que falar lento non equivale a ser prudente, e que non usar malas palabras non equivale a ser un home de estado.
 

Se cadra aínda hai alguén que está a tempo de coller de fronte aos novos apóstolos da dereita e preguntarlles “quo vadis, amiguiño?”

Quo vadis, amiguiño?

Te puede interesar