Saneamento da ensenada do Esteiro

Hai uns días a través dos medios de comunicación, tivemos coñecemento de que a ensenada de Vilanova, O Esteiro, se acaba de incorporar ó “catálogo de zonas húmidas de Galicia”. Trátase dun espacio delicado no que se debe promover a conservación e o uso racional do ecosistema que proporciona unha gran fonte de recursos e constitúe ademáis un valioso patrimonio natural. Conta cunha extensión de 52,25 hectáreas. No ano 1986, cun goberno socialista no concello de Vilanova, un equipo multidisciplinar, elaborou un ambicioso “Proxecto para o Esteiro”, que buscaba o saneamento da ensenada, a fin de obter a máxima calidade nos productos que se cultivan na mesma e que posteriormente se comercializan.
 

Na actualidade, e dende hai xa lustros, dende o concello de Vilanova, non existe apoio nin preocupación algunha no tema. A rede de sumidoiros funciona de maneira irregular, como se ten coñecido por informes emitidos pola empresa concesionaria do servizo de augas municipal,... sintomas do abandono neste aspecto polo grupo de goberno actual.
 

Eu mesma, e como muller traballadora, adicada toda a miña vida ó traballo no mar, véxome moi comprometida con este tema e o meu interés é que unha zona de tanta riqueza e biodiversidade como a ensenada do Esteiro, sexa explotada na súa xusta medida e contando con todas as medidas de seguridade que a normativa alimentaria contemple.
 

A miña experiencia como patrona maior da Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, durante oito anos; concédeme os coñecementos necesarios para encamiñar a xestión dos espacios marítimos, buscando un empuxe para o modo de vida de toda a xente para a que este entorno supón o seu medio de vida.
 

O meu compromiso é rotundo co saneamento desta zona marisqueira; estivo catalogada como ZONA C con restriccións para o consumo humano, posteriormente pasou a ZONA B con menos restriccións pero con obrigación de pasar por depuración antes do consumo. Na actualidade, lonxe de mellorar se atopa máis cercana a regresar a ZONA C. A inclusión no catálogo de zonas húmidas de galicia debera representar un compromiso claro co saneamento definitivo e integral, co obxectivo de que toda a ensenada alcance o nivel de ZONA A, na que se poidan recolectar os bivalvos para o consumo directo, o que significaría unha gran riqueza para as familias que viven do mar.

Saneamento da ensenada do Esteiro

Te puede interesar