Para que serven os plenos?

Para nada. Isto é o que se deduce das palabras da concelleira do BNG Lucía César Veloso, en declaracións neste medio. Aquí o extracto da entrevista na que se lle preguntaba por faltar á maioría de sesións plenarias do 2021: “una ausencia en los Plenos que no ve como un problema, debido, dice, a la poca funcionalidad de un órgano copado por la mayoría absoluta socialista.” Imaxinan a Ana Pontón xustificando unha ausencia continuada no pleno do Parlamento de Galicia co mesmo argumento?

Facer política cando só tes un representante na corporación non é fácil. Este é o caso de BNG, Vilagarcía en Común, Podemos-Marea da Vila e Ciudadanos. Os seus voceiros compaxinan as súas profesións coa participación municipal, e, cando as súas vidas profesionais llo impiden, as súas organizacións e, polo tanto, as persoas que os votaron, quedan sen voz no pleno. Non se trata aquí de non empatizar coas circunstancias persoais da concelleira do BNG-polas que este grupo estivo ausente de 8 das sesións plenarias do 2021-senón a escasa responsabilidade e respecto aos seus votantes que se deduce das súas palabras.

Para ser xustas, recordar que os concelleiros da oposición cobran só pola asistencia a plenos e comisións, pero, sen embargo, os seus grupos perciben unha asignación mensual dun total de 600€ para soster a súa acción política. Moita comprensión e paciencia están tendo o resto da corporación e medios de comunicación coa situación da concelleira do BNG. Tería o BNG a mesma actitude?

Seguramente, quen aplaude estas palabras sexa o Goberno Local, que, cómodo coa súa maioría absoluta, só durante o pleno ten a obriga de enfrontarse á fiscalización da oposición. Se Lucía Veloso asistira ao pleno do xoves 13 de xaneiro, tería comprobado como o nerviosismo do alcalde medra en cada sesión. Curiosamente, o momento de maior tensión tivo lugar no punto relativo aos terreos da comandancia. Alberto Varela fala de logro histórico, pero, á vez, véselle moi incómodo con este tema.

Quizais sexa cuestión de números. O Concello comprometeuse a comprar a parcela por 1.157.046€. e a derribar o edificio. Segundo palabras do alcalde, o prezo do derribo será de, aproximadamente, 100.000€. Ou sexa, 1.257.046 €. Pero, ademais, o Concello pagará un canon anual de 50.000€ mentres o terreo non sexa desafectado. Fronte a isto, o orzamento para a construción do novo centro de saúde é de 1.050.000€. Segundo estas contas, o Concello e a veciñanza pagaremos máis do 50% do investimento do novo Centro de Saúde. Facer estas contas non significa que a oposición non considere que Vilagarcía non precise un novo centro de saúde-como se empeñan en afirmar de maneira torciteira dende o PSOE-. Senón que é parte da labor de fiscalización da oposición que a veciñanza estea informada. Neste caso, non de toda a oposición, porque, como de costume, faltou o BNG.

Como a súa concelleira di que o importante é sachar coa veciñanza, gustaralle saber que tamén se aprobou unha moción da asociación de Sobradelo na que se pedían melloras de seguridade viaria na rúa Ameixeiras. Algo que puido facerse porque as outras forzas da oposición que asinaban a moción estiveron na comisión informativa para garantir que esta fora a pleno.

Porque, aínda que haxa quen se empeñe en dicir que os plenos non teñen valor, poder rexistrar iniciativas é un dos dereitos ao que se accede ao ter representación municipal. Pero para iso hai que asistir. En todo caso, a quen lle tocará dictaminar sobre isto, será á veciñanza en 2023, pero, claramente, o que é pouco funcional é votar a persoas e organizacións políticas ausentes por incomparecencia.

Voceira de Podemos Galicia e membro de
Podemos- Marea da Vila

Para que serven os plenos?

Te puede interesar