Solidariedade sen foto

Aínda que non sobra quen sempre afirma que a xente (así, en xeral) é insolidaria e pouco bondadosa, sobran os exemplos do contrario. Haberá xente para todo, como dixo o toureiro, pero é imposible esquecer que os grandes problemas e desastres fan aparecer grandes mostras de boa vontade colectivas, que permiten ver ilusión e esperanza entre as pequenas fendas do día a día.


A desprezable invasión rusa en Ucraína ven de desatar unha onda enorme de boas intencións e mans desinteresadas por axudar. Probablemente necesitamos ser conscientes de que somos máis eficaces se encamiñamos ben os esforzos. Hai serias e formais entidades que traballan a pé do lugar, como teñen feito con tantos outros conflitos e dramas, e que saben como facer as cousas, con profesionalidade e intelixencia. Ademais a administración ten non só a posibilidade senón o deber de coordinar e organizar a axuda, tanto para a que chegue alá como para o drama humano dos que deben chegar aquí. Non é só dar ou acoller, é reordenar unha vida que nunca se sabe cara onde irá discurrindo. Toda dedicación é esperanzadora, pero canto mellor pensemos máis eficientes seremos.


En todo caso o que me resulta difícil son algunhas mostras de altruísmo cheas de fastos. Unha enorme minoría de xestos, si, pero nos que un acaba por contrastar que se fotografía máis do que se fai. Non deben, ou non deberan, tapar os milleiros de bos exemplos, mais non deixa de ser tan asombroso como inquietante. Ninguén debe estar obrigado a ser solidario, principalmente porque a de ser así non poderíamos chamarlle desa maneira. Pero a solidariedade que busca a foto é propaganda, e así corren veloces as publicacións de instagram para contar o fabuloso que eu son e as moitas fotos que me fago sorrindo cando dono un paquete de arroz ou cinco euros. Que todo está moi ben, pero se a causa de facelo é poder contalo queda a cousa cun ton un pouco gris.


Se cadra xa o advertira Rajoy que desvelou un distinto concepto cando afirmou que “ninguén é solidario a cambio de nada”. Resístome a tomalo como referente, e vexo por todas as esquinas exemplos que inspiran o contrario. Esa xente que da o que case non ten, a que demostra que a ética está en facer o correcto cando ninguén está mirando, esa xente fai máis patria que mil bandeiras.

Solidariedade sen foto

Te puede interesar