Dende hai anos que vostede, en calquera momento que necesitase ir ao seu médico de cabeceira, pensou que podía ocorrerlle o que seguramente xa sabe polo seu veciño, nai, amiga ou o que pon nos periódicos cada poucos días: que a saber cando habería cita. Un afronta nestes tempos a petición de cita para o centro de saúde coma quen entra nun xogo deses de escape room, onde hai que descifrar pistas e enigmas para lograr saír. Pois aquí o mesmo, pero para entrar. E non é porque os médicos non traballen, senón máis ben ao contrario, porque os fan traballar de máis. Hoxe hai esperas que nunca houbo. Da igual o que nos queiran contar, da igual o que se supoña que digan os ordenadores dun despacho e a saber qué cidade. Se alguén nos conta que todo o mundo ten unha cita en menos de dous días é que ten estropeado o ordenador ou o reloxo. Por que? Porque cada vez hai menos médicos nos centros de saúde e hai, tamén, menos para repoñer. E isto por que nos ocorre?
Na última década, en Galicia alguén decidiu que de cada 5 médicos que se podían formar para os centros de saúde, 1 deles sobraba e entón non se convocou esa praza. Aos que se quedaban... contratos precarios. E aos que se querían ir porque había mellores condicións fora... porta aberta e aplauso. E así resulta bastante difícil que hoxe, anos despois de que moitos dirixentes presumiran de recortes, teñamos médicos dispoñibles. Súmenlle a isto que se fomentou a conciencia de que o médico do centro de saúde é “menos” que outros, que se lle pague menos, que se lle obrigue a pedir permisos para solicitar probas ou que sexan os últimos lugares onde chegan os avances tecnolóxicos. Quen vai querer traballar nun lugar que está desprestixiado? Pois iso. Pagamos agora os recortes de onte, o desleixo acumulado e a nula vontade de apostar pola nosa saúde. Podíamos suplir agora con máis fisioterapeutas, ou con profesionais de saúde mental, con podólogos e, sobre todo, con moita más enfermería (á que tamén se fixo sempre de menos inxustamente). Pero non parece ser a aposta de quen ten a responsabilidade de dirixir a sanidade. Eles están máis preocupados en buscar culpables, que sempre son os outros, que solucións.