Galicia é unha terra única no mundo. Un lugar aberto, plural e acolledor do que nos sentimos sumamente orgullosos. Por iso, neste Día de Galicia, do Apóstolo Santiago -que tanto ten feito para situarnos no mundo-, sobran os motivos para festexar e vivir unha xornada de ledicia coa familia e amizades.
Hoxe celebramos a nosa terra, as nosas xentes, a nosa forma de ser e estar no mundo. E, esta provincia, Pontevedra, lévase a palma. Vivimos nun lugar máxico repleto de xente máxica, con grande capacidade para saír adiante, sobrepoñerse e loitar polo que cre. Os pontevedreses medramos nas adversidades e temos demostrado, ao longo da historia, que o tesón é un dos nosos puntos fortes que nos ten permitido, ademais, situarnos a nivel internacional como referentes en numerosos ámbitos da sociedade.
Así que non podo máis que sentirme orgulloso de sumarme a estes festexos que, este ano, celebro por primeira vez como presidente da Deputación de Pontevedra. Fágoo con humildade e responsabilidade porque sei que todo o camiño que queda por diante no impulso da provincia é un paso cara a construción dunha Galicia con máis oportunidades. Fágoo, tamén, cheo de ilusión e compromiso, convencido de que o traballo conxunto, a lealdade, o respecto e a colaboración entre institucións son a mellor forma de avanzar.
Sei de boa man, porque a miña vida política comezou no momento no que fun elixido alcalde de Rodeiro, que o mundo local é decisivo para construír unha Galicia de futuro. Por iso, nesta nova etapa que vimos da abrir na Deputación de Pontevedra, os concellos serán coidados con mimo. Acompañarémolos, axudarémolos, achegarémoslles o financiamento necesario, estaremos ao seu carón, escoitándoos e resolvendo as cuestións ás que non poden chegar. Farémolo, ademais, evitando confrontacións, pois a miña vontade é a de tecer pontes e sumar sinerxías.
Abrimos un novo ciclo na Deputación de Pontevedra que vai estar marcado por unha forma de gobernar distinta. Queremos converter a esta institución nun lugar aberto, próximo, para todas a todos, onde se traballe en equipo, da man, con ilusión e compromiso, desde a lealdade e colaboración institucional, e situando no centro ao mundo local para dar resposta e solucións ás demandas da cidadanía. Soamente deste xeito, estou seguro, poderemos afrontar os retos de futuro dun mundo en constante cambio e cunhas dinámicas que mudan, ademais, a grande velocidade.
Imos centrar os nosos esforzos en abordar o reto demográfico, con políticas para frear o avellentamento da poboación e facilitar a conciliación entre a vida familiar e profesional. Tamén poremos o foco na mocidade da provincia, cuxos problemas comprendemos e cuxas demandas escoitaremos e atenderemos con atención para darlles solución. Sabemos que a xuventude de Pontevedra é exemplo de talento, valentía e creatividade, e tamén que estes son os piares sobre os que se asenta unha provincia de futuro.
O turismo será un eixo central da nosa acción política. Pontevedra é a provincia líder en turismo de Galicia e este é un dos sectores estratéxicos da nosa economía. Imos apostar por unha promoción turística en liña coa nosa forma de gobernar: aberta, próxima e para todas e todos, da man dos concellos e tamén do sector privado. E farémolo, ademais, apostando pola conservación do medio ambiente e pola sostibilidade, xa que poñerlle freo ao cambio climático será outra das nosas ocupacións.
Do mesmo xeito imos facer coa nosa cultura e lingua, ás que, nun día como este, tanto lles temos que agradecer por ser sinais de identidade fundamentais. A provincia de Pontevedra ten un potencial inigualable, cunha industria cultural punteira que ten acadado, en ámbitos como as letras, a música ou o audiovisual, os máis relevantes galardóns estatais e internacionais, que están a contribuír a situarnos neste mundo global. Temos moito do que presumir e traballaremos para redobrar os esforzos nesta materia.
O deporte será tamén un eixo fundamental da nosa actividade. Pontevedra conta con numerosos deportistas de alto nivel, ducias de medallas olímpicas, novas promesas que debemos potenciar e clubs e entidades que están a fomentar o deporte de base. Con todos eles traballaremos arreo, da man, porque se xa é indubidable que o deporte é cuestión de saúde tamén é un elemento fundamental, polos valores que transmite, para construír sociedade.
A aposta pola promoción económica, a creación de postos de traballo, o apoio ás asociacións e colectivos de diferente índole, a cooperación, as relacións transfronteirizas, a potenciación dos sectores produtivos, son tamén retos da nosa acción política. Do mesmo xeito faremos coas infraestruturas e servizos públicos, como as estradas provinciais. Coidarémolos porque xeran riqueza, unen pobos, fomentan a relación social, a vida, e son as engrenaxes que manteñen en funcionamento a provincia.
Temos un proxecto político, do que estamos moi orgullosos, que nos vai permitir construír unha provincia máis forte, máis equilibrada, máis vertebrada, máis unida e chea de futuro para todas e para todos. Esta é e será a nosa meta e así, deste xeito, mirando cara adiante con esperanzas, forza, ganas e optimismo, é como queremos celebrar o Día de Galicia. Feliz Día de Galicia. Feliz Día, Galicia.