Vida viquinga

Á beira do Río Ulla, o mito viquingo expandiu coa creación da Romaría Viquinga de Catoira en 1961, unha iniciativa dos galeguistas da resistencia cultural. Celebrada anualmente xunto ás históricas Torres do Oeste, esta festa honra a valentía dos habitantes locais contra as invasións normandas e sarracenas, constituíndo unha fortaleza defensiva no camiño a Compostela. Esta romaría cívica, máis que unha mera conmemoración histórica, entrelaza unha lenda propia, con residentes que participan en representacións dramáticas, revivindo a heroica chegada dos invasores nos seus drakkars, desexosos de conquistar os tesouros culinarios do país e o viño da súa contorna territorial. Esta celebración, imparábel no seu crecemento, é Festa de Interese Turístico, testemuña da súa profunda popularidade e da vivacidade que engade ao patrimonio  inmaterial galego. Os fundadores non pretendían, nin os organizadores actuais deben, ofrecer unha imaxe exacta da historia, senón celebrar e promover a narrativa que enriquece e interesa á festividade local e o mito que a inspira.


Do mesmo xeito que, nos últimos tempos, o mito viquingo experimentou un renacemento cultural significativo a través do cinema e a televisión, espertando un interese mundial nas súas figuras históricas e míticas. Series de éxito como “Vikings” e “The Last Kingdom” foron fundamentais neste espertar, ofrecendo unha perspectiva estilizada e dramatizada da vida e proezas dos normandos. Por outro lado, filmes como “The Northman” mergulláronse na mitoloxía nórdica con gran fidelidade histórica, prestando meticulosa atención aos detalles da cultura e crenzas deste pobo. Este crecente interese non só capturou a imaxinación da audiencia, senón que tamén estimulou unha renovada curiosidade pola historia e mitoloxía nórdicas, garantindo que as súas lendas sigan fascinando.


Así e todo, detrás do mito está a xente. Velaí, a mostra “Unha vida viquinga”, na Cidade da Cultura, que desvela a complexidade dunha sociedade que transcende o estereotipo de pobo conquistador e violento. A mostra reúne preto de 120 obxectos históricos e arqueolóxicos de museos europeos, incluíndo un acartonado drakkar a escala real. Esta iniciativa busca superar os clixés tradicionais, ofrecendo unha perspectiva máis rica e variada sobre os viquingos, destacando o rol das mulleres nas expedicións, así como a súa influencia no comercio, na mitoloxía, na organización social e política, e na súa presenza máis aló do territorio de orixe, incluíndo as súas conexións con Galiza. Cun relato artellado arredor do que podería ter sido a vida dunha persoa deste período: desde o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata a morte e a concepción do alén. Proxecta unha nova idea de como podía ser o periplo vital de guerreiros, raíñas, adolescentes, vellos labregos, feirantes, migrantes; e dicir, de incontables vidas que contribúen a definir ese fenómeno expansivo que foi o mundo viquingo. Afondar nesta civilización significa tamén afondar no noso pasado e coñecer mellor unha parte da nosa historia. É tempo de romaría en Catoira e de coñecemento no Museo Gaiás. 

Vida viquinga

Te puede interesar