Votar

Durante tempo, e aínda atopo moita xente que o pensa, eu estaba convencido de que votar debería ser obrigatorio. Non comprendía como era posible asumir que outros decidan por ti e que calquera non quixera tomar parte daquelo que nos inflúe a todos. Co tempo fun percibindo que hai milleiros de maneiras de tomar partido e implicarse e que, por fortuna, as decisións colectivas e a sociedade que queremos non se decide unicamente cada catro anos.
 

As asociación culturais, os sindicatos, as entidades sociais, a universidade, as asociación veciñais e as persoas que toman iniciativa por unha loita que cren xusta son parte activa da convivencia. Por iso entendín que non votar non tiña por que ser un abandono da responsabilidade, senón tamén unha maneira de falar. Sigo preferindo aos que votan en blanco, ou nulo, que aos que non van. Pero debo respectar.
 

Pero foi entón cando creo que comencei a comprender o camiño inverso, aquel do que aprendín que votar tiña moito máis valor. Votar é un exercicio de compromiso que ninguén nos obriga a facer, e por iso é aínda máis importante. Votar supón queixarse, protestar, apoiar, discrepar ou tratar de explicar aos que só entenden de resultados que hai que mirar moito máis ao fondo.
 

Pero máis alá diso, votar é un profundo respecto polos demais. Por iso non deixa de esperanzarme o valor que moita xente, habitualmente maior, lle da ao día das eleccións. E un vai coñecendo na vida a xente que cre que hai que defender o voto contra vento e marea. Como aquel que pospuxo unha semana unha operación de corazón porque non podía perder de ir a votar, ou como esa neta que lembra con emoción como o seu avó lle ensinou que votar era un día de festa e, vestido con toda elegancia, facía esforzos incalculables para ir votar e despois almorzar churros para celebralo.
 

A estas alturas da película sería absurdo facerlles campaña por un ou por outros. Vostedes xa saberán o que queren facer e ben decidido estará. Pero eu só lles pido que voten. Non podo esixilo, faltaría máis, pero si chamarlles a que expresen o que crean mellor. A que voten pensando no que crean que mellor debe ocorrer. Fágano pola razón que queiran, pero celebren o día, tómense uns churros se queren, e logo voten. Qué un privilexio e hai xente que non pode facelo.

Votar

Te puede interesar