Imos ver: A festa galega está a vivir un radical cambio de era. Festa, segundo o dicionario, é alegría, conmemoración, ruído, caricia interesada, e mesmo conxunto de días sinalados no calendario. Todo iso, ao tempo, resume o que foron durante décadas as festas populares nas parroquias galegas: espazos de encontro, identidade compartida e celebración comunitaria. Pero tamén, cada vez máis, escenarios de competición económica, espectáculo importado e tecnoloxía de alto voltaxe.
Nun tempo non tan afastado, as festas orbitaban arredor dun elemento tan sinxelo coma esencial: o palco. Pequena construción de pedra, madeira ou formigón, feita co traballo colectivo da veciñanza, que elevaba sobre a terra a música e ao conxunto da comunidade. A súa presenza no campo da festa era tan natural coma a banda de música, a empanada de carne ou a sesión vermú con gasosa e viño do país. Mais o escenario móbil, con hidráulica, pantalla LED, torre de son e orquestra de vinte e pico mil euros está a provocar, coas súas luces cegadoras, a sombra perpetua sobre os vellos palcos. Hoxe, a verbena é outra cousa, e a súa xeoloxía e un terreo sen memoria.
A investigación “PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega”, feita polo Instituto de Ciencias do Patrimonio e recentemente premiada polo CSIC, documenta este proceso de transformación cultural. O equipo, composto por especialistas en antropoloxía, xeografía, estudos culturais ou arte sonora, catalogou e estudou os palcos de música distribuídos por Galiza, valorando non só a súa arquitectura popular senón tamén o que representan: símbolos tanxibles da vida comunitaria, vestixios dunha festa que nacía da xente e non do catálogo de contratacións.
O estudo clasifica os palcos polo seu estado: vivos, fósiles, reconvertidos ou desaparecidos. Con ciencia e participación cidadá, pescúdase non só sobre estruturas físicas, senón sobre as memorias que activan, os afectos que espertan, e as tensións que revelan entre tradición e espectáculo.
No contexto actual, a verba “verbena”, definida como baile popular ao aire libre, perdeu o aroma de comunidade para se converter, en moitos casos, en produto de consumo rápido. A tecnoloxía impón os seus ritmos: sons amplificados ata o infinito, iluminación que rivaliza co día, e orquestras que parecen saídas dun estudo de televisión. Todo iso custa. E paga quen pode. Ou queda sen festa.
Toca escavar entre capas de tempo, ruído e memoria para descubrir o que os palcos nos contan: que a festa tamén pode ser patrimonio, que a alegría non sempre vén en tráiler, e que os escenarios con historia tamén merecen o seu aplauso. Non se trata de volver ao pasado con nostalxia, senón de preguntarse que perdemos ao poñer o foco só no espectáculo. A verdadeira festa é esa que, sen luces nin pantallas, consegue xuntar veciñanza, música e ledicia sen pedir nada a cambio. E iso non se fabrica en serie nin se monta en dúas horas: constrúese entre todos, palco a palco.