Aqueles que queiran degustar as múltiples posibilidades que ofrece a anguía nos fogóns ten unha cita obrigada en Valga. A Ruta-Concurso Tapa a Anguía xa está en marcha coa participación dun total de oito establecementos hostaleiros. Neles sérvense ao longo de dúas fins de semana consecutivas tapas de anguía gratuítas coas consumicións. O preludio perfecto para a gran cita gastronómica da vindeira semana. Os locais que participan innovan cada ano para ofrecer o mellor á clientela. O Bar Pardal aposta pola “Anguía á caña”, con crocante cun toque de caña e salsa de pementos de Padrón. A Pastelería Caprichos ofrece unha croqueta de anguía con crocante da súa pel sobre parmentier de pataca e queixo. No Bar Maneiro teñen empanada de anguía con mexillón e gamba en tempura, mentres que no Vilarello Paradise hai mini tosta de cebola caramelizada e anguía fritida. No Pontellón pódese saborear croqueta de anguía rebozada en pasta kataife sobre chutney de mazá. En Couceiro pódese probar a anguía ao forno nunha base de cachelos en salsa unagi, decorada cunha bandeira de bacon. No Auditorio é anguía ao allo con garavanzos e cogomelos e no Pirata un sushi nigiri e uramaki de anguía.
Entre as persoas que voten polo mellor petisco sortearanse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local. Para iso hai que reunir os selos dos diferentes establecementos e depositar as papeletas nas urnas habilitadas. Con estes votos daranse tres premios a outros tantos locais: os Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Ademais estará o único premio que outorgará un xurado profesional.
Por outra banda o concurso “Anguía Chef” xa ten gañador. É o cesureño Jorge Oliveira Riveiro, vecino de Carreiras, que presentou un espeto de anguía bañado cun xarope de caña tostada e menta. Houbo moitas propostas novidosas este ano.