O Concello de Caldas colgará un total de 1.400 sombreiros de diferentes cores ao longo de toda a rúa Real dentro dunha campaña desenvolvida co obxecto de promover o uso da lingua galega e que leva por título “Sacamos o sombreiro ao galego”. É unha das accións incluídas dentro da campaña de dinamización da lingua “Eu merco en galego” que se presentou onte en Caldas e que está subvencionada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Caldas Centro Comercial Aberto.
Os sombreiros estarán penduradas nun total de 200 liñas e serán de diferentes cores, formando –segundo sinalan dende o Concello– “unha imaxe espectacular que animará o comercio e aos peregrinos no seu percorrido polo Camiño de Santiago en Caldas”. A idea é que os sombreiros queden instalados durante todo o verán dende que empeza a campaña este mesmo venres. A acción compleméntase repartindo 200 sombreiros serigrafiados co lema da campaña e cos logos do Concello e da Deputación.
Ademais disto tamén hai outra acción baixo o nome de “Falo e gaño co galego”, que se inicia este venres e estará ata finais de mes. O obxectivo é o pequeno comercio e empresas de servizos de Caldas coa idea de concienciar, dinamizar e premiar tanto a consumidores como aos propios comerciantes e empresarios no uso do galego nas transaccións diarias de compra e venta. Os comercios amosarán nos seus escaparates o cartel identificativo da campaña e entregarán boletos co nome “fala e gaña” cando se realice unha compra cun importe mínimo. Con eles distribuiranse un total de 22 premios de 75 e de 50 euros en vales, que os gañadores poderán gastar durante o mes de xullo.