O Concello de Caldas pon en marcha o obradoiro “Un idioma de cine”, unha iniciativa de obradoiros e charlas da Concellaría de Educación que xorde para proxectar o talento da mocidade caldense no audiovisual e, á vez, promover o uso do galego. As actividades, destinadas ao alumnado de 4º da ESO, darán as chaves para que os mozos graven as súas propias curtas.
As charlas e os obradoiros estarán dirixidas por “Producciones Mutantes”, un estudio creativo e productora de gran experiencia e coñecemento do sector. Haberá tanto coloquios con referentes do audiovisual galego como tamén con influencers que utilizan a lingua galega para os seus contidos. No caso dos talleres prácticos, nun primeiro momento o alumnado coñecerá como é o proceso creativo para despois xerar os seus propios guións e preparar a técnica de rodaxe para a gravación. Finalmente, traballarase na preparación da montaxe e a postprodución das pezas audiovisuais, convertíndose en auténticos cineastas.
Segundo explica o tenente de alcalde, Manuel Fariña, a proposta xorde dentro da programación de Normalización Lingüística municipal, coa idea de que a rapazada “cambie a perspectiva sobre a nosa lingua e vexa que con ela se pode xerar contido diferenciador”. As actividades comezaron esta semana e prolongaranse ata o mes de novembro, con seis grupos no IES Aquis Celenis, CPR San Fermín e CPI Alfonso VII.
Fariña resalta “a importancia de realizar actividades que atraian o interese da mocidade dende o Concello á vez que se lles ofrece formación e se potencia o seu interese pola lingua”. Sostén o nacionalista que para moitos dos participantes estes talleres de formación poderían ser o inicio dunha saída profesional. Ademais, avanzou que se está traballando na posibilidade de poñer en marcha algún tipo de certame-concurso para premiar os traballos máis creativos.