martes 29/9/20

Caldas proxecta a restauración da Pontella de Segade, afectada polas enchentas do río Umia

A iniciativa está incluída dentro dun programa para recuperar pontes de toda a localidade
A Pontella de Segade está ubicada a 500 metros do centro urbano | cedida
A Pontella de Segade está ubicada a 500 metros do centro urbano | cedida

O Concello de Caldas proxecta a rehabilitación integral da coñecida como Pontella de Segade, moi deteriorada co paso dos anos polas enchentas do río Umia. Esta estrutura de pedra é moi singular e está protexida polo actual Plan Xeral de Ordenación Municipal. Ubícase no lugar de Segade de Abaxio a escasos 500 metros do centro da localidade e empregada de maneira habitual por veciños e visitantes para cruzar o río nese punto. O edil de Obras e Infraestruturas, Manuel González, acaba de anunciar que a intención do goberno local é devolver a ponte ao seu estado orixinal dentro do plan municipal “Pontes de Caldas” que busca limpar e manter outros elementos destas características no municipio como pode ser a Ponte Romana do Bermaña, a de Segade ou a da Ferrería.

Así pois nos próximos días o Concello actuará na Pontella de Segade para darlle estabilidade ao conxunto. Toda esa reparación de urxencia acométese ao mesmo tempo que se pon en marcha o proceso de redacción do proxecto de restauración, que valorará a estabilidade xeral de todo o conxunto. De forma parella o Concello vén de contratar o levantamento topográfico, fotogramétrico e sobre o estado actual da ponte.

Este estudo é fundamental para obtener a definición gráfica desta ponte histórica e para poder levar a cabo con exactitude a súa rehabilitación.

Comentarios