Relatos dende Islandia co corazón en Caldas

Relatos dende Islandia co corazón en Caldas
Erenesto Diéguez é veciño de Caldas e autor de “Días de Reykiavík” | cedida

Os catro anos de estadía de Ernesto Diéguez en Islandia foron o escenario perfecto para que na súa cabeza se empezase a artellar un libro de relatos que agora ve a súa luz. Este caldense de 37 anos, biólogo, é o autor da obra “Días de Reykjavík”, un libro que recolle historias de decepción, rebeldía, emigración, soidade e tamén fracaso. Ernesto conta que “levo escribindo moitísimos anos, xa dende que era adolescente, e antes fixen algún que outro traballo colaborativo en galego e castelán”. Reconoce que pese a que dende moi novo xa era un gran amante da literatura “nunca me atrevín a mandar nada a unha editorial, porque consideraba que non ía ter o nivel suficiente. Empecei a facelo dende hai dez anos, pero hai que ser consciente de que publicar en Galicia ou incluso xa a nivel España é moi complexo. Hai moitísima oferta”.


“Días de Reykiavík” é “froito da miña experiencia vivindo catro anos en Islandia”, explica o autor. Ernesto recoñece que “primeiro estiven alá de viaxe e despois xa fun por traballo. Primeiro tiña un pouco idealizado o país, pero cando vives alí ves que non todo é tan marabilloso como a veces se fala dos países nórdicos”. O certo é que os relatos que se contan na obra teñen protagonistas vencellados co país e o propio país é “unha personaxe máis do libro”. O pano de fondo. “No momento de marchar e empezar a sentir morriña un dos personaxes que xa tiña na cabeza dende había tempo pediu sitio para saír e ser plasmado no libro”, recoñece o caldense.


Nos relatos que se poden atopar en “Días de Reykiavík” o lector fai unha viaxe por relatos de vidas ou por temáticas como o impacto do turismo na sociedade ou nun país sen esquecerse de toques de rebeldía fronte á clase política, entre outros. Un libro pensado para un público adulto e cunha base argumental real.


“Días de Reykjavík” está editado por Piezas Azules e pode conseguirse na súa web ou en librerías como a Metáfora, en Pontevedra, ou a Lila en Santiago.

Relatos dende Islandia co corazón en Caldas

Te puede interesar