Feministas de Catoira, a loita pola igualdade dende o máis local

Feministas de Catoira, a loita pola igualdade dende o máis local
O símbolo do colectivo é unha muller vikinga co emblema do feminismo

O seu símbolo é unha muller vikinga con roupa mourada e que porta o emblema do feminismo como elemento destacado. Non podía ser doutro xeito tendo en conta que o colectivo Feministas de Catoira nace coa intención de loitar pola igualdade dende o ámbito local. “Foi en agosto do ano 2020 cando a ANPA do colexio fixo un encontro. Xusto fora ese ano a gran manifestación do 8-M na que se nos culpara ás mulleres da pandemia do covid. Empezamos a falar e démonos conta de que iso trascendía ao entorno educativo e que podiamos facer algo máis serio”, explica Vanesa Pérez. Procesos administrativos e burocráticos non permitiron que a asociación se presentase ata agora de forma oficial e pública. “É certo que xa viñamos facendo cousas estes últimos meses. Cada vez que había un asasinato saiamos á rúa. Por exemplo no ano 2021 celebramos por primeira vez o Día do Orgullo en Catoira e organizamos algún encontro sobre feminismo no colexio”, matiza Pérez. Ela será a partir de agora a secretaria dun colectivo que ten a Cristina Longo de presidenta con só 23 anos.


“O feminismo non entende de idades. Somos mulleres moi diferentes entre nós. Hai xente moi nova, pero tamén mulleres de 70 anos coas mesmas forzas e a mesma ilusión”, manifesta a secretaria.


A súa primeira asamblea aberta e pública será o sábado ás seis e media da tarde na sala Celso Emilio Ferreiro do Auditorio de Catoira. “A nosa idea é ir gañando en socias para poder ir facendo máis cousas”. De feito tamén falan de “tecer redes” con outros colectivos feministas. “Adherímonos a todas as cousas que se propoñen dende a Plataforma Feminista Galega e tamén da Marcha Mundial das Mulleres”, sinalan. Agora, cun novo 8-M á volta da esquina empezarán a traballar para “facer algo tamén en Catoira”.


Así pois o movemento feminista gaña en posicións na Ría de Arousa. As Feministas de Catoira súmanse a outros colectivos que levan tempo traballando en prol da igualdade como son O Soño de Lilith en Vilagarcía, A Naiciña en Cambados, Esmar en Ribadumia ou O refaixo de Carolina en Valga e Pontecesures. “Sumar”, como explican dende a asociación. 

Feministas de Catoira, a loita pola igualdade dende o máis local

Te puede interesar