Antía Yáñez | “A fición sérveme para escribir temas duros e afastarme da realidade”

A autora de Burela desembarca na Cidade de Libro para falar tanto de literatura infantil e xuvenil como das novelas para un público adulto que ten no mercado. Compartirá espazo con Inma Rubiales e con Rebeca Stones no marco das “Conversas ao solpor”, as últimas desta cita literaria na capital arousana
Antía Yáñez | “A fición sérveme para escribir temas duros e afastarme da realidade”
María Yáñez estará asinando novelas e tamén conversará no último coloquio da xornada

É unha das voces máis recoñecidas da literatura galega actual e non só pola súa produción destinada a un público infantil e xuvenil, senón tamén ao adulto. De feito a súa novela “Senlleiras” é aínda “a que máis vendo”. Antía Yáñez ten a capacidade de explicar o que ve a través das súas historias e faino de forma maxistral tanto cando os seus lectores son nenos como se son de máis idade. Co seu “O clan das barbies” xa na segunda edición e cun novo libro de xuvenil a piques de saír ao mercado chega a Cidade de Libro para falar da súa faceta como escritora e tamén lectora.

 

Escritora de xuvenil e tamén de novelas para un público máis xeral. En que fórmula te sentes máis cómoda?
Cas dúas, porque vou por épocas. Depende do que me apeteza escribir neses momentos. Non considero unha máis fácil ou difícil que a outra, cada literatura ten a súa casuística e non son as mesmas técnicas. É certo que a literatura xuvenil está considerada como de menos valor porque se cre erroneamente que é máis sinxela, sobre todo porque está feminizada e o que está feminizado xa sabemos que se lle dá menos valor.

 

A túa novela máis recente é “O clan das barbies”, unha obra cunha temática diferente ás dúas novelas para adultos anteriores como son “Senlleiras” ou “Non penses nun elefante rosa”...
Si, son unha lectora que cambia moito e, polo tanto, tamén unha escritora que o fai. Non sempre sigo o mesmo xénero, abúrrome rápido das cousas. Na literatura infantil son máis regular, pero en adultos son máis de explorar, de non apostar por un só xénero.


“Senlleiras” é unha novela que deixa un ton de desesperanza, en “O clan das barbies” hai rabia e violencia. Non se sufre escribindo estas historias ou son unha vía de escape?
Para iso me serve a fición. Encántame escribila para tratar un tema e afastarme. Si é certo que hai determinadas escenas que son moi duras, pero podo xogar coa realidade e é algo que me alivia.

 

En “O clan das barbies” as personaxes teñen motivos para ser violentas. Hai razóns para enfadarse co mundo no que vivimos?
Hainos, claro que os hai. Cando pensei en escribir esta novela tiña ganas de explorar a temática da vinganza porque é algo que me gusta ver, por exemplo, nas películas. Concebín a novela como que fosen as vítimas as que se vingasen. Vale, máis que unha vinganza quería expoñer o que pode levar a unha persona a optar pola vinganza porque xa non quere esperar máis pola xustiza. A maiores en España arredor do 94% da poboación reclusa son homes e as mulleres que o son non o son por delitos violentos. Quería explorar tamén que compoñentes de xénero hai para que se dean esas cifras tan distintas en canto a agresividade.

 

Na literatura galega, como ocorre tamén na española, hai como un “boom” de xéneros como pode ser o policíaco ou o thriller. Exploraches a posibilidade de lanzarte a escribir unha saga?
Hai unha cita en “Tras do ceo”, a última novela de Manolo Rivas. Vén dicindo que a novela negra é unha excusa para adentrarte na natureza e na psicoloxía humanas. A min esa é a parte que me interesa, explorar máis a psicoloxía dos personaxes que o propio feito criminal en si, que para min é secundario. Gústame saber por que a xente fai as cousas que fai, así que de facer algo tiraría máis por esa versión. Certo que estou noutra época na que tampouco é que lea moita novela negra.

 

Esta semana Máximo Huerta, que tamén estivo en Cidade de Libro, falaba de que no mercado da literatura española se publican demasiados libros e que as novelas non chegan a facer o seu percorrido natural. Pasa o mesmo na galega ou hai un ritmo máis desacelerado?
O ritmo no sistema literario galego é moito máis desacelerado. “Senlleiras”, que xa é unha novela de hai anos, segue sendo a que máis vendo. Isto da produción editorial eu compároo un pouco co tema dos turistas. Queremos turismo, pero con cabeciña, pero ao final todos somos turistas noutros lados. Queremos entón literatura, pero con cabeciña, pero... que é ter cabeciña? Se eu son unha persona que sempre quixen publicar e me aparece a posibilidade de facelo, vouno desaproveitar? É complicado.

 

Das túas novelas para adultos extráese de todas unha mensaxe, como unha especie de moralexa. Buscabas iso? Que, por exemplo, alguén se sentise identificado coa protagonista de “Non penses nun elefante rosa” e o seu Trastorno Obsesivo Compulsivo?
Non buscaba iso, de verdade, e sorprendeume despois atoparme lectores que sentiron precisamente o que dis. Cando a min me diagnosticaron un TOC non coñecía a ninguén na mesma situación, ningún referente noutros libros, no cine... Se os había eran para facer burla e sentíame moi sola. Despois, como digo, moita xente me escribiu e me dicía que se sentía moi identificada. Eu pensaba xusto o contrario, que iba ser unha novela solo para min. Eu tardei moitos anos e explicar o que me pasaba e escribín tempo despois esta novela precisamente para facelo.  

Antía Yáñez | “A fición sérveme para escribir temas duros e afastarme da realidade”

Te puede interesar