As deficiencias no saneamento e o cambio climático son as causas principais do descenso da produción de marisco na Ría de Arousa, segundo apuntan os investigadores. Así quedou posto de relevancia nas xornadas de Opmega que tiveron lugar onte en Vilagarcía. O acto estivo presidido polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e polo concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, mentras que Ricardo Herbón, da organización de produtores, actuou de anfitrión.
“Hai unha parte da contaminación das rías que é de orixe antropoxénico, é dicir, das propias poboacións, e iso débese ao deficiente saneamento. non se pode responsabilizar ao cultivo do mexillón do deterioro das augas”, sinalou Carlos Pereira, investigador da Universidade de Santiago de Compostela.
O profesor, que é tamén un referente na análise dos ecosistemas costeiros galegos, advertiu dunha tendencia xeral que vai máis alá do sector mexilloeiro. “Hai uha baixada de produción en todas as especies debido ao cambio climático”, apuntou Pereira, que sinalou como factores claves a acidificación e o aumento da temperatura da auga. “Non hai datos científico que permitan afirmar se existe ou non unha sobrecarga do mexillón”, destacou o investigador da USC.
Durante a inauguración, Álvaro Carou salientou que “o turismo de calidade busca experiencias e que mellor que este sector para ofrecelas” xa que reforza “a imaxe de Galicia como destino gastronómico e sostible”. Neste senso, o presidente de Opmega recalcou que a xornada “refliecte o compromiso conxunto das institucións co futuro do sector”, e defendeu a aposta por un enfoque ecosistémico que compatibilice a actividade productiva co respecto polos equilibrios, á par que apelou á necesidade de anticiparse aos retos.
O conselleiro do Mar fixo fincapé na inclusió do mexillón nad dieta diaria, xa que é “a fonte de nutrición máis importante”. Villares asegurou, iso si, que o mitilo se atopa nos prezos máis altos da historia, o que considera que ofrece unha oportunidade para o sector.
A xornada incluiu unha homenaxe a José Ramón Lado Lago, pioneiro do sector e figura clave desde os anos 60. Fundador de Somega, foi lembrado como “un exemplo de compromiso colectivo e traballo desde a base”.