lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Carmela Silva: “Na Deputación cremos que recuperar o espazo público é un dereito como o é a sanidade ou a educación”

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, na Praza de Galicia de Vilagarcía, unhas das obras de humanización levadas a cabo con cargo a fondos provinciais | mónica ferreirós

Non hai ningún concello da provincia de Pontevedra que non reciba de forma case habitual a visita de Carmela Silva. A presidenta da Deputación é das que pensa que o local é o mellor termómetro para saber se as cousas se están a facer ben e donde se practica tamén a política máis próxima coa cidadanía que –confesa– é a que máis lle gusta. A seis meses da fin deste segundo mandato a socialista fai balance da súa xestión e tamén repasa aquelas cousas que aínda cre que quedan por facer.


Van xa case oito anos de goberno na Deputación. Está a provincia como lle gustaría vela ou aínda quedan retos por acadar?

Eu creo que a transformación da provincia é evidente. Non hai máis que visitar os 61 concellos e ver as grandes transformacións que se fixeron tanto na recuperación do espazo público para as persoas como en novos equipamentos, pero está claro que hai moitos novos retos para mellorar a provincia e para seguir avanzando.


Esta semana visitou varias obras en Vilagarcía, Sanxenxo e Meaño. Canto leva investido a Deputación no Salnés?

No conxunto do Salnés investíronse 121 millóns de euros, unha cifra que ninguén soñaba hai sete anos que puidese ser posible. Son unhas cifras históricas e polo tanto fixeron posible grandes transformacións. En Vilagarcía, por exemplo, foron 17 millóns de euros e non hai unha sola obra nesta cidade que non teña o nome e apelidos da Deputación. E iso acontece igual no resto dos concellos da comarca.


Os investimentos fanse a través de iniciativas como pode ser o Plan Concellos –que ao principio foi un programa moi criticado–. A maioría dos municipios destinan esas cantidades a proxectos de humanización, a sendas peonís... Cre que é ese o espíritu acertado para o destino deses fondos?

Nós en todos os proxectos e plans que sacamos temos claro que debemos facilitar a autonomía local. No Plan Concellos e tamén nos plans extraordinarios como poden ser o Reacpon ou o Deporense. Eles son os que deciden o que queren, ben sexa a recuperación de espazos públicos ou a equipamentos e dotacións. Eu creo que esta provincia é referencia en moitas cousas, pero sobre todo sómolo porque temos moi claro o modelo que queremos. Un modelo de mobilidade e de recuperación do espazo para a xente. Temos o exemplo da Praza de Galicia en Vilagarcía ou de Rocarfort en Sanxenxo. Cremos que o espazo público é un dereito como pode selo a educación, a sanidade ou a igualdade.


Somos a provincia de toda España que ten máis distintivos Sicted. O sector turístico ten claro que ten que ser sostible e non caer no risco de morrer de éxito.


Un modelo que vese que está tendo boa aceptación...

Si, a min encántame porque os concellos –incluso nas obras que son estritamente municipais– elixen traballar baixo estes mesmos parámetros. E fano concellos de diferentes cores políticas. Polo tanto hai un compromiso conxunto que está transformando a provincia.


Fala de que é un modelo seguido por concellos de diferentes cores. Séntese acollida por alcaldes que non son do seu mesmo partido cando os visita?

Eu creo que ten moito que ver con como tratas aos concellos. Nós estamos facendo unha política de proxectos, con ideas, sabendo o modelo de provincia que queremos. E iso é moito máis gratificante que estar recluído na confrontación permanente. Agora hai un Plan Concellos que establece criterios obxectivos para o reparto de fondos, non como acontecía antes. Iso fai que todos os concellos vexan á Deputación como unha aliada. Ademais cada vez que facemos un proxecto convocámolos para explicarllelo. Pedimos que nos fagan suxerencias para melloralo. Daí que se creen proxectos colectivos. Sexa cal sexa a cor política hai tamén unha boa relación persoal e iso é moi importante.


Todas as percepcións apuntan a que imos seguir gobernando a partir de maio e eu, se o partido así o quere, estaría encantada de repetir como presidenta


Unha das apostas fortes da Deputación está a ser o turismo. Cal é a clave do éxito para que nos atopemos xa superando as cifras de visitantes e ocupación de antes da pandemia?

A ver, vivimos nun paraíso que xa é atractivo por si mesmo. Hai alguén que coñeza esta provincia e que non queira volver? Temos costa, temos interior, temos gastronomía... Témolo todo. Ademais somos moi auténticos e temos moitos elementos identificativos que nos diferencian doutros destinos. Ademais o sector ten moi claro o tipo de turismo que busca, que ten que ser sostible e que non podemos caer no risco de morrer de éxito. Temos que ter unha mirada moi clara tanto a curto como a longo prazo.


A Deputación activou ferramentas para tentar, o que di, non morrer de éxito...

Nós temos dous plans estratéxicos de turismo que foron aprobados despois do acordos cos concellos e co sector. Penso que iso é algo que non acontece en moitos lugares. Despois temos a excelencia e iso non son percepcións, son datos. Somos a provincia de toda España que ten máis distintivos Sicted que marcan a calidade. Insisto en que o sector ten feito unha aposta moi grande pola calidade e pola excelencia. Ademais penso que somos unha provincia moi talentosa e innovadora. Temos grandes festivais de música con enorme poder de atracción, de cine, de literatura... Agora vir á provincia non é só entre xullo e setembro como acontecía antes. Agora empezamos en Semana Santa e isto chega ata xaneiro. Polo tanto estamos case nos 12 meses de actividade turística. Eu de verdade creo que somos un modelo a seguir a nivel turístico en toda España.


Nós estamos facendo unha política de proxectos, con ideas, e iso é moito máis gratificante que estar recluído na confrontación permanente.


Unha das apostas fortes dos orzamentos da Deputación para o ano 2023 que se presentaban hai unhas semanas está na igualdade. En que se incidirá con eses fondos?

Temos dúas vías. Por unha banda as subvencións que lles damos aos colectivos feministas da provincia. Cremos fundamental que a sociedade civil estea organizada para e que xogue un papel importante de vertebración para conseguir a igualdade e na loita contra as violencias machistas. A outra vía é a que afecta aos concellos con proxectos variados de atención ás vítimas, de formación e concienciación social e dirixidos a cubrir todos os ámbitos de loita pola igualdade. Temos iniciativas como a de Acción Violencia Zero, que está a ter moi bos resultados coa gran implicación dos concellos e dos centros educativos, e tamén programación encamiñada á visibilización das mulleres na sociedade.


Visibilizar para crear referentes...

É moi importante que a sociedade vexa mulleres en todos os eidos da actividade humana e iso ímolo facendo coas exposicións e coa posta en valor das mulleres do propio territorio. Se eu quero falar dunha gran tecnóloga pódome ir a un exemplo de Silicon Valley, pero iso vai ter moita menos influencia que se poño de exemplo a unha tecnóloga que vive en Vilagarcía no quinto piso do meu edificio. Todos os datos de violencia machista seguen a ser intolerables e hai que seguir sumando sinerxias entre as diferentes administracións para combatelos.


Esas sinerxias non sempre se dan entre as administracións...

Eu creo que este é un campo que nunca debería enfrontar ás administracións públicas. É importante traballar xuntos e non intentar sacar protagonismo político disto. Ten que ser unha loita de sumar. Eu sempre digo que ninguén se pode poñer a bandeira dos avances da igualdade. Eses avances debémosllos ao movemento feminista. Que pasa? Que si é certo que hai partidos que acolleron esas demandas e outros que seguen negando sistematicamente a existencia da violencia machista.


“Hai que tentar que as leis sexan perfectas a nivel xurídico e, se non funcionan, ter a humildade de melloralas”


Os referentes femininos seguen a ser moi poucos en determinados sectores. Hai uns días eran as eleccións ás confrarías e en Arousa só haberá unha patroa maior...

Son estruturas donde é moi difícil que as mulleres ocupen o seu espazo. Eu creo que –entre outras cousas– ten que ver coas decisións adoptadas pola Xunta de Galicia e non o digo con ánimo de confrontación, senón de reflexión. Non pode ser que as mulleres sexan unha aplastante maioría e que logo o seu nivel de representatividade sexa ínfimo. Así é imposible acadar o poder. Creo que non é moi democrático o modo de elección porque a capacidade de voto que teñen está moi por debaixo do número de persoas ás que representan. Por outra banda os homes que forman parte das confrarías teñen que cambiar o chip e entender que estas non van a funcionar ben se non están todos e todas representados. Está demostrado que con paridade as cousas funcionan mellor.


É difícil acadala co sistema actual en determinados ámbitos...

Por iso creo que hai que cambiar as cousas e para iso é imprescindible que haxa obrigatoriedade legal de que comecemos polo menos coas cuotas. Eu recordo as fotos do inicio da democracia en España e todos eran homes. Agora hai un Congreso case equiparado, as mulleres non baixamos do 40 %. Estamos case na paridade e as cuotas foron as que o fixeron posible. Hai que comezar cunha porcentaxe de cuotas obrigatoria para as confrarías e ir camiñando cara a paridade.


Falando de igualdade. Estes días está en boca de todos a chamada lei do “solo sí es sí”. Cre que este tipo de polémicas pode empañar a loita feminista ou pór obstáculos de cara a lexislacións futuras?

Eu creo que en cuestións de igualdade a confrontación política é inasumible. Hai xente e partidos que directamente non cren na igualdade, por iso as que cremos –e moito– temos que ser moi sensatas á hora de actuar. Cada paso que deamos non pode converterse nun lugar donde haxa tanto ruído e donde poida ocorrer que no canto de avanzar, retrocedamos. Eu creo que a lei é necesaria, que hai que ter unha lei moi dura contra as agresións sexuais. Tamén penso que –sabendo que non existe a perfección lexislativa– hai que intentar que as normas sexan o máis perfectas posibles a nivel xurídico. E se hai cousas que a realidade plantexa que non funcionan hai que ter a humildade de melloralas.


Hai novas realidades que ata agora non estaban contempladas nas leis...

É que o século XXI non ten nada que ver co século XIX. Hoxe hai unha sociedade totalmente diferente. Por exemplo no Código Penal teñen que aparecer delitos relacionados co uso das novas tecnoloxías. Sobre iso non hai traxectoria, non hai xurisprudencia. Eu penso que nesta materia todas deberiamos ser sensatas, dende os grupos políticos, o poder xudicial o lexislador... porque o que está en xogo é a liberdade das mulleres. Polo tanto menos ruído, menos intentar gañar posicións e máis ser capaces de sentar para analizar e poder mellorar algo se é preciso. Ninguén se ten que sentir atacado nin tampouco vitorioso.


Falabamos ao principio da entrevista que quedan seis meses de mandato. Vese con forzas para un terceiro sendo presidenta da Deputación?

Quero ser respectuosa coas eleccións e co que a cidadanía vaia elixir. Todas as percepcións e enquisas apuntan a que imos seguir gobernando a Deputación. Creo que imos mellorar resultados no conxunto da provincia, manter os gobernos que temos e incluso conseguir algún máis. Contamos con que os datos no Salnés sexan moi bos e polo tanto imos seguir gobernando. Eu estarei encantada de repetir como presidenta. Estes sete anos teñen sido unha experiencia política e persoal realmente moi satisfactoria. Estou moi satisfeita destes dous mandatos porque fomos un goberno capaz de mudar moitas cousas.

Carmela Silva: “Na Deputación cremos que recuperar o espazo público é un dereito como o é a sanidade ou a educación”

Te puede interesar