O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia que, coa nova reforma de liñas impulsada por Renfe, se perde o primeiro tren que conecta Vilagarcía con Madrid e “faise imposible ir e regresar no día”. Ademais, dende a formación califican de “ineptitude” a actitude do alcalde, Alberto Varela, e do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, do que piden o “cese inmediato”.
Refírense á publicación nas redes sociais do rexedor na que se aseguraba que, debido á redución do tempo de viaxe nuns minutos, Vilagarcía estaría “máis e mellor conectados”, o que, añadía Varela, foi o que “sempre defendemos e por iso traballamos”.
Para Esquerda Unida, esta publicación demostra que “ou se felicitan dun recorte” “ou literalmente descoñecía o contido” da medida, o que demostraría que “o seu traballo para mellorar a conexión ferroviaria foi nulo”. A formación denuncia un recorte “gravísimo, con impactos sociais, laborais e económicos” que, din, responde aos intereses de Abel Caballero.