A poesía galega é a materia prima que dá corpo e alma ao espectáculo "Cantigaéverso" que o programa de dinamización lingüística FalaRedes trae o venres, 2 de agosto, a Vilagarcía. Francisco Castro e Federico Welicki protagonizan esta experiencia na que os versos máis fermosos da nosa lírica florecen e cobran aínda máis intensidade a través de versións musicadas. A función comeza ás 20.30 horas e a entrada é libre e de balde.
"Cantigaéverso" é un espectáculo poético e musical, de algo máis de unha hora de duración, na que o editor e músico Franciso Castro e o produtor musical Federico Welicki revisan os clásicos da poesía galega musicada.
Trátase dun espectáculo no que os dous artistas en escena, reforzados por un percusionista e unha corista, fan unha viaxe completa pola historia das composicións poéticas que versionaron os nosos grandes músicos, como por exemplo, o "Quen puidera namorala", o tema co que Luís Emilio Batallán levou ao terreo musical o famoso poema de Álvaro Cunqueiro "O niño novo do vento". Cunhas breves intervencións de un minuto, Castro contextualizará cada poema, dando as claves da época e as intencións do autor, para, a continuación, pasar a interpretar a versión musical dándolle unha nova lectura.