Iñaki Fernández, a alma e paixón vilagarciá da banda Dakidarría

O músico forma parte da banda galega dende xaneiro de 2022, o que el recoñece como o seu “mellor regalo de Reis”
Iñaki Fernández, a alma e paixón vilagarciá da banda Dakidarría
O mozo de 22 anos tamén é parte da banda TNT | CEDIDA

O propio Iñaki recoñece que, cando a conta por aí, a súa historia con Dakidarría parece que o que está facendo é relatando unha obra de fición. Non é así. Foi con 5 anos cando este músico vilagarcián veu actuar por primeira vez aos que logo se convertirían no seu grupo favorito. “Foi en Catoira e acababan de sacar o seu segundo disco. Meu pai coñeceunos, moloulle o que facían e levoume. Sempre me di que fun durmindo no coche é que naquel concerto eramos como 20 persoas. Aos da banda fíxolles gracia que un rapaz tan pequeno soubese as letras e regaláronme unha camiseta”, explica Iñaki Fernández Manteca.


Sería a primeira de moitas. “Fomos coincidindo máis veces e intercambiaron o número de teléfono con meu pai. Cando sacaron o disco de “Utopías Emerxentes” en “Terra” dedicáronme unha frase”, recorda o vilagarcián. El mesmo sinala que “sen dúbida era dos meus grupos favoritos. Daquela non eran moi coñecidos e para min eran deuses”.


Nunca pensara Iñaki que a súa oportunidade para estar no que para el era o olimpo musical lle chegaría no ano 2020, xusto antes de que a pandemia pechase salas de concertos e deixase a cultura confinada nas casas en no mundo de internet. “Tiñan un concerto na sala Malatesta en Santiago e eu ía ir a velos. 

 

De repente ás catro da tarde chámanme para dicirme que a muller do guitarrista se puxera de parto e se podía ir para salvar o bolo”, recorda. “Estaba cagado, en serio. Toquei as dúas horas de bolo e claro, pasou o que pasou, e non volvín ata despois da pandemia”, declara. Foi a decisión dun dos membros da banda naquel entón, Simón, de abandonala o que lle abriu as portas definitivas a Iñaki. “Pensaron en min. Chamáronme o 6 de xaneiro de 2022 e foi o meu mellor regalo de Reis”. 


Unha vida para a música

O certo é que as inquedanzas musicais de Iñaki empezaron dende moi novo. “Xa dende moi pequeno, cando iamos no coche, escoitaba música cos meus pais e xa sempre estaba como facendo o xesto de tocar a guitarra”, sinala. O seu primeiro instrumento chegaríalle con tan só nove anos. “Meu pai regaloume unha guitarra de 36 euros e a partir daí empecei a dar clases. Pasei moi rápido á guitarra eléctrica, pero aos 12 anos deime conta de que mellor apostar pola clásica. Entrei no Conservatorio de Pontevedra e agora estou en Donosti, nun dos centros máis recoñecidos a nivel estatal. Creo que foi a decisión máis acertada porque hai un nivel moi guai”.

WhatsApp Image 2024 06 09 at 19.23.13 (1)
Fernández Manteca no Festival Revenidas de Vilaxoán | CEDIDA


O certo é que Dakidarría non é a única experiencia en bandas que ten Iñaki Fernández, dado que el tamén é un dos fundadores do grupo vilagarcián TNT. “Coñecémonos ao entrar na ESO. Na miña clase en Primaria ninguén tocaba nada. Estaba eu só, sen máis. Foi despois cando nos empezamos a atopar e decidimos unirnos para tocar algo no festival de fin de curso. Agora estamos parados pola distancia, porque estudamos en diferentes sitios, pero sempre que podemos xuntámonos e tocamos. Non temos intención de deixalo. levamos case dez anos e para nós é media vida”, apunta. Ensaiaban naquel entonces “no garaxe do meu pai. E aí seguimos, en precario”. 


O vilagarcián está convencido que, ao contrario do que pode pensar moita xente, “cantar en galego non limita para nada. Tocamos en Bilbao ou no Viñarock, por exemplo, e ves a xente que sabe as letras. Que pagou para escoitarte sen ser galego e iso é unha sensación bestial”. 22 anos coa música no sangue e toda unha carreira por diante. 

Iñaki Fernández, a alma e paixón vilagarciá da banda Dakidarría

Te puede interesar