O intenso programa das Letras Galegas en Vilagarcía comeza mañá cun obradoiro sobre a tradición oral nos institutos

O intenso programa das Letras Galegas en Vilagarcía comeza mañá cun obradoiro sobre a tradición oral nos institutos
Unha ofrenda a Rosalía de Castro durante un acto anterior das Letras Galegas I GONZALO SALGADO

O Concello presenta o programa de actividades para festexar o Día das Letras Galegas, con teatro, música e moita literatura. "As cantareiras e a música tradicional son o eixe vertebrador deste ano, co que teñen un importante peso na nosa programación", apuntou a concelleira, Sonia Outón. O calendario comeza mañá mesmo e as actividades esténdense ata o dia 24, todas de balde.

A primeira actividade será mañán  nos IES O Carril e Armando Cotarelo, ás 10 h e ás 12:50h respectivamente. Os alumnos participarán nun obradoiro sobre a tradición oral e os cancioneiros, impartido polo profesor de música Gustavo Couto.
 
Este sábado será o XVII Festival Nós de Sobradelo, que ofrecerá un variado repertorio a cargo dos seus grupos e escolas de baile, gaita, percusión e canto. Ademais, este ano contará coa presencia das pandereteiras de Toutón coma grupo convidado. A actuación será a partir das 19:00 horas no Auditorio Municipal.

Os amantes do sétimo arte teñen unha cita no Salón García o mércores 14. A concellería de Cultura, en colaboración co Cine Club Ádega, proxectará ‘Filmei paxaros voando’ a partir das 20 horas. O documental trata o regreso da directora Zeltia Outeiriño á súa Galicia natal para explorar o desarraigo familiar.

O venres 16 chega cargado de actividades. Pola mañá, a partir das 11 horas o Auditorio acolle o Festival escolar das Letras Galegas. Trátase dunha iniciativa que convina arte e literatura e na que participan centros de Vilagarcía. Os cativos amosarán as súas creacións para conmemorar as figuras homenaxeadas este ano.

Ás 20 horas o Gato Negro acolle a presentación do libro de poemas 'Meridiano orixe', de Andrea F. Maneiro. Unha hora máis tarde, o Salón García fará o propio coa función 'Aquí as fabas, a caldeiradas', de Abázcaro Teatro. Trátase dunha representación humorística que nos fala de Mariña, unha rapaza que aparece en escena moi nerviosa porque ten que oficializar a relación co seu mozo diante da súa familia. Motivos non lle faltan porque os seus pais, e sobre todo Aminda, a súa avoa, non toleran ben as visitas.
 

O Carril, como epicentro

Na xornada das Letras Galegas, o 17 de maio, O Carril será o epicentro da programación cultural. Os actos comezan ás 11 horas, co pasarrúas a cargo de Malveiras; continúan unha hora máis tarde cunha sesión de baile tradicional da Escola Gato Negro/Malveiras; posteriormente, ás 12:30 horas farase a ofrenda floral a Rosalía de Castro; de seguido comezará outro pasarrúas e a actuación das Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa e, por último, ás 13:30 horas será a queda do concerto-recital de Lúa Mosquetera, que contará co acompañamento do guitarrista Pablo Seijas.

Finalmente, o día 24 os cativos serán os protagonistas. Pola mañá haberá un contacontos ilustrado titulado "Cantareiras" na Biblioteca Municipal, a partir das 12:30h. Corre a cargo da compañía Polo Correo do Vento e inclúe tamén á realización dun obradoiro de debuxo.

Ás 19 horas, no Auditorio Municipal, representarase a obra "Fala fala falangueira" de Matrioshka Teatro. Unha actividade programada en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do programa ‘FalaRedes’. A compañía presenta unha proposta divertida e cargada de maxia coa que explorar o mundo creativo por medio de cancións, narracións e moitas sorpresas máis.
 

O intenso programa das Letras Galegas en Vilagarcía comeza mañá cun obradoiro sobre a tradición oral nos institutos

Te puede interesar