Javier Veiga | “Unha sociedade que cre que o humor ten límites é moito máis pobre”

Javier Veiga | “Unha sociedade que cre que o humor ten límites é moito máis pobre”
O grovense Javier Veiga é unha das tres patas do espectáculo “Esfínter” | cedida

Vilagarcía é, posiblemente, unha das poucas cidades nas que –por diversas circunstancias– aínda non tiña desembarcado o espectáculo “Esfínter”, protagonizado polos humoristas galegos Rober Bodegas, David Amor e Javier Veiga. Esta débeda sáldase este mércores, dado que este espectáculo humorístico desembarca no Auditorio Municipal a partir das oito e media da tarde. Veiga –grovense de nacemento– dános as claves dunha cita coa que promete que o público non deixará de rirse.

 

 

Din vostedes que “Esfínter” é o mellor espectáculo para rematar o ano. Por que?


Pois é un xogo de palabras bastante idiota que deixa claro o que somos: Tres idiotas que tiñamos que buscar un título que servise para xuntarnos e ocorréusenos iso. Hei de dicir que Rober Bodegas ao principio non estaba moi dacordo co título, porque o vía un pouco forte.

 

 

Tres humoristas galegos sobre o escenario. Son compatibles as súas formas de facer humor?


Somos tres amigos que nos conocemos dende hai moitos anos e os tres traballamos moito fóra. De repente démonos conta de que podiamos facer algo aquí, xuntarnos polo Nadal. Temos estilos moi distintos, é certo, pero o curioso é que maridan moi ben, cohesionan as partes entre si. Aparte non actuamos xuntos, senón que son intervencións que van unha detrás de outra. Ademais ao xuntarnos démonos conta de que hai temas aos que recurrimos e incluso hai cousas que parecen pensadas previamente e que realmente se deron por casualidade.

 

 

Todos os humoristas nutrídesvos da actualidade para os vosos monólogos e esta está ultimamente moi movida. Pódese facer humor con cousas serias?


Hei de recoñecer que o momento é complicado. Estamos nun momento no que as cousas das que supostamente non te podes rir están ocupando demasiado espazo, que de repente todo o que se di molesta... E isto, a verdade, está sendo bastante insoportable xa non só como profesional, senón incluso como sociedade. Eu son dos que penso que unha sociedade que considera que o humor ten límites é unha sociedade máis pobre e menos intelixente.

 

 

Ese é un debate que está sobre a mesa dende hai xa meses...


É un debate un pouco tolo. É un pouco extraño que alguén poida facer unha película durísima sobre o Holocaustro, con imaxes terroríficas, e non unha comedia sobre o mesmo tema. A única excepción foi a película “La vida es bella”, de Roberto Benigni, e seguramente hoxe en día xa non se aceptaría. Eu creo que un pode facer un humor mellor ou peor, e ao que non lle guste para iso existe o mando a distancia ou a opción de non comprar a entrada. Ofenderse por un tipo de humor é algo raro, moi marciano.

 

 

Vostede viveu unha liorta despois dun espectáculo de humor na súa vila, O Grove, hai uns meses...


Eu creo que se lle deu demasiada bola a iso. As críticas viñeron de 15 persoas en redes das cales 8 nin estaban no espectáculo. Todo se magnificou. Sumóuselle o tema do clickbait que neste país un tuit con mil me gustas ten moitísima repercusión cando realmente é unha proporción da cidadanía insignificante.

 

 

Os tres triunfan fóra de Galicia. Cando regresan á casa como é agora o caso, cren que é máis fácil facer humor para os galegos?


Temos moitos profesionais humoristas exitosos en Galicia porque como sociedade temos un humor moi particular. A retranca é de denominación de orixe galega. Ás veces incluso é un humor que fai dano, porque leva moi mala baba. En todo caso é un humor que funciona en calquera sitio, aquí en Finlandia ou en Nicaragua. Está claro que hai unha barreira idiomática con algúns termos, porque hai palabras que son intraducibles. A min encántame traballar en Galicia e, de feito, hai entre 10 e 15 gags que só fago aquí.

 

 

Entendo que a “Esfínter” lle queda aínda moita vida, pero hai algún outro proxecto sobre a mesa de cara ao ano 2023?


É o cuarto ano que nos xuntamos. A idea é convertelo en tradición. Aínda así esperamos o ano que vén poder ofrecer algo novo e cambiar un pouco o espectáculo, pero o de xuntarnos vai seguir en pé seguro. l

Javier Veiga | “Unha sociedade que cre que o humor ten límites é moito máis pobre”

Te puede interesar