Juan Tallón | “Hai un momento en que unha idea che arde dentro e ten que ser libro si ou si”

Juan Tallón | “Hai un momento en que unha idea che arde dentro e ten que ser libro si ou si”
Juan Tallón estará hoxe nas “Conversas ao solpor” de Vilagarcía, Cidade de Libro

Juan Tallón fala de literatura e da escritura coa paixón de quen leva toda a vida adorando os libros. Xornalista de profesión recoñece que na súa cabeza sempre estivo ser escritor e que unha vez que unha historia prende na súa cabeza esta loita –tarde ou cedo– por saír á luz. Hoxe estará en Vilagarcía, Cidade de Libro.

 

Séntese máis cómodo na definición de xornalista ou de escritor?

Eu diría que sentín moito antes a pulsión de ser novelista e escritor antes que a de ser xornalista. Exercer o xornalismo foi unha maneira de sobrevivir –modesta– dado que un escritor por vocación non pode vivir. Se acabei sendo xornalista foi porque me permitía escribir.

 

Son mundos moi distintos. En que momento xurdiu esa idea de: vou escribir un libro?

Supoño que ten que ver co efecto que provocan as lecturas nun lector. A min gustábame moitísimo ler e nun momento dado, por un efecto de imitación e tamén penso que por esa mitificación do escritor, pois din o paso. Eu sempre imaxinei que ser escritor era necesariamente un dos acontecementos máis fermosos que lle poden acontecer a un.

 

Ter a idea é o máis complicado para arrancar?

Non só iso, senón tamén a técnica. Eu escribín moitas novelas antes de que algunha fose publicada. A medida que un vai avanzando na técnica vai aprendendo a ser mellor escritor.

 

A novela “El váter de Onetti” escribiuna primeiro en galego, pero non atopou quen a editase e finalmente saíu en español...

Pois non atopei editor e sentín que se me pechaban as portas da literatura galega. Adapteime á literatura en español coa tradución que fixen eu mesmo e entrei nesa dinámica das editoriais nesa lingua. Digamos que a lingua galega escrita, a raíz diso, foi perdendo protagonismo na miña vida. Iso si, nunca o vin como algo irreversible e de feito espero que a miña próxima novela saia tanto en español como en galego. Non me apartei voluntariamente da literatura galega e agora que parece que podo volver, gustaríame.

 

Din os que leron todos os seus libros que estes non teñen un estilo común. Adáptase ao estilo segundo sexa a novela?

Teño pasado por diferentes fases de pensamento e creo que unha novela ás veces demanda un estilo diferente da anterior. Un autor ten unha voz e esa pode estar presente en todas as novelas, pero a veces dunha forma máis solapada, outras máis evidente, pero o estilo varía en función da historia, do narrador ou da época. Eu sempre estou aberto a cambiar e evolucionar, non me gusta quedar atrapado nunha única idea de escritor. Gústame estar aberto, alerta e disposto sempre a algo novo. A época vai cambiando. Como non vas cambiar ti? E se cambias ti, como non vai cambiar a túa escritura?

 

Falemos da súa última novela, “Obra maestra”, sobre a desaparición dunha escultura. Contou en varias ocasións que a idea xurdiu case por accidente. Ocorre así en todas as súas novelas?

Un non vai buscando ideas diariamente. Iso xorde pouco a pouco e vaise impoñendo dunha maneira abstracta e, se cadra, hai un punto no que se volve case unha obsesión e acábase convertendo en libro. No caso de “Obra maestra” a obsesión xestouse moi lentamente e dun modo inequívoco e irrevocable. Non sabía como a ía escribir, pero si que a ía escribir. Tardei dez anos en facelo e antes tiven que escribir sete libros para atopar as condicións que me levasen a darlle forma finalmente a esta novela.

 

Detrás hai un minucioso proceso de documentación. Gústalle ese proceso?

En cada fase disfrutas dunha maneira. Para min o gran momento dunha novela chega a partir da terceira ou cuarta semana dende que se empeza. Aí xa son vítima do lume, desa vertixe na que estás instalado e que é a felicidade completa. Sentas pola mañá a escribir e, cando rematas, sabes perfectamente como vas continuar. Antes tiveches que pasar por semanas moito máis arduas e que non ardían, pero que eran necesarias.

 

Hai algunha novela ardendo xa?

Si, comeceina en novembro e xa estou nesa fase de efervescencia. 

Juan Tallón | “Hai un momento en que unha idea che arde dentro e ten que ser libro si ou si”

Te puede interesar