MeryFos | “Virtudes é unha personaxe que a xente recoñece. Por iso o seu éxito, porque xera tenrura, pese ao repunante que é”

MeryFos | “Virtudes é unha personaxe que a xente recoñece. Por iso o seu éxito, porque xera tenrura, pese  ao repunante que é”
MeryFos fixo do seu teléfono móbil un aliado para levar o humor “repunante” a todo o mundo | Mónica Ferreirós

María Foscaldo naceu en Madrid en 1987 pero criouse en Vigo desde ben pequena. É xornalista e chegou a Vilagarcía por motivos laborais. Desde hai uns meses bate récords nas redes coa “Repunante”, unha muller insoportable á que todo o mundo quere.

 

Cónteme un pouco como leva o de dar o pregón de San Roque...
É unha honra moi grande e ao mesmo tempo é un marrón, porque eu non teño experiencia nestas lides e falar en público, pois ponme nerviosa. Pero é un marrón moi bonito. Non podía dicir que non, porque é unha oportunidade única. Non contaba con ela, foi unha sorpresa moi grande que me chamaran. Intentareino facelo o mellor posible.

¿Que é o que máis lle gusta das festas?
Pois a min o montón da xente soe aturularme, por iso onde hai moita xente non acostumo a estar. Pero, por exemplo, gústame moito ir á zona do Porto a mirar o Combate Naval. Iso si que me gusta. Este ano estamos barallando velo un pouco desde máis lonxe polo temo do ruído, porque temos unha cadeliña e asústase. Pero é a parte que máis me gusta, O Combate.

 

E que lle dixo Virtudes do tema de dar o pregón? 
Que por que non vai ela. Que tería que ir ela, facelo ela ao cen por cen. Que non lle vale que a saque de vez en cando. Pero xa lle dixen que non, que polo menos será “fifty- fifty”.

 

Como xurde a personaxe de Virtudes “a Repunante”?
Pois xurde a raíz do primeiro vídeo que fixen, que non era de Virtudes. Era unha parodia dos profesores en distintas etapas educativas. A partir de aí pensei en facer máis cousas. Entón, buscando un pouco no me recordo, nas cousas que me fan gracia a min, acordeime da típica señora que en todas as vodas critica todo: Critica o banquete, o traxe da noiva. ao fotógrafo... Entón fixen tres vídeos de Virtudes nunha voda. Daquela non tiña nin nome, era “a Repunante”. A idea era facer eses tres, criticando ao fotógrafo, o banquete e a cerimonia. Aí xa empezou a xente a pedirme máis, que a levara a máis sitios, a preguntarme como se chamaba... E xa lle tiven que crear todo o universo.

 

Esperaba este éxito?
Non, para nada.

 

E a que cre que se debe?
É a pregunta. Eu creo que moita xente a recoñece. E non só en Galicia. Hai quen di: “Fora de Galicia non se entende”. Si que se entende. Escríbeme xente de Murcia, de Castela, de Andalucía... Incluso de fora de España. Dinme: “En Latinoamérica chamámoslle Karen a ese tipo de persoas”. Creo que iso é parte do éxito, que é moi recoñecible, moi universal ese tipo de persoa que eu fago muller pero que, por suposto, tamén hai sendo homes, tamén os hai repunantes. E despois creo que tamén, a pesar de ser como é, Virtudes xera certa tenrura. Porque recoñeces nela a un familiar. Entón creo que da tenrura, a pesar do repunante que é.

 

¿Como empeza a meterse neste tema de creación de contido nas redes sociais?
Tiña Tik-Tok desde o ano 2021 e abrino por curiosidade, porque ao principio parecíame moi para chavaliños, de facer eses baileciños raros, que non era pra min. Pero despois descubrín que había un estilo de vídeo que era como de facer dobraxe, que ti moves a boca con audios doutras persoas, e empecei a facer iso. Estiven durante bastante tempo. Ata que en setembro do ano pasado ou así animeime a facer vídeos con contido meu. O que fixen máis elaborado foi o dos profesores. Foi hai un ano.

 

Mira ti, e parece que leva toda a vida Virtudes aí...
Pois non. Aínda naceu despois, en outubro ou así.

 

Vin un vídeo onde tiña que facer una especie de árbore xenealóxica de Virtudes...
Iso pediumo a xente. Eu ao principio dicía nome de familiares ao chou. Pero segundo ía facendo vídeos pensaba: “Pero eu teño que respectar que ten tantos fillos e os nomes que lles puxen”. Segundo ía creando máis familiares a xente dicíame: “Xa me perdo, cantos fillos ten entón?”. Entón dixen: Pois facemos un vídeo recompilando os familiares que teño ata agora, porque non sabemos se Virtudes ten marido...

 

¿E que pensará Virtudes da Festa da Auga? ¿Díxolle algo? 
Virtudes seguramente está en contra, porque Virtudes está en contra de todo. Virtudes, a súa característica principal é que todo lle parece mal. Entón pois pareceralle mal pois a cantidade de xente que se xunta, pareceralle mal o ruído, pareceralle mal a suciedade... Aínda que tamén é verdade que se alguén a critica, seguro que sae a defender a festa.

MeryFos | “Virtudes é unha personaxe que a xente recoñece. Por iso o seu éxito, porque xera tenrura, pese ao repunante que é”

Te puede interesar