“Non son capaz nin de dicir a palabra coronavirus. Dinche que penses en positivo, pero veste mal"

Carmen, de 66 anos e veciña de Vilagarcía, fala dende a súa casa despois de recibir a alta hospitalaria tras sufrir unha infección por coronavirus. Recorda con emoción e, en ocasións, con lágrimas, os difíciles momentos que pasou na loita contra esta enfermidade da que se recupera “lenta, pero ben”.

Cando comezou a notar que non se atopaba ben? 
Pois eu fun ao ambulatorio de San Roque o venres 13 de marzo cunha irmá maior para coñecer os resultados dunhas probas. A doutora, que nos atendeu xa dende a distancia, resulta que acabou dando positivo. Ese mesmo día fun ao supermercado e a partir daí non salín da casa absolutamente para nada. Dalí a cinco días, o 18, xa non me atopei ben.

Que síntomas tiña? 
Tiña algo de febre, algo máis de 37. Ademais non me apetecía nada comer e a febre ía e viña. Primeiro chamei ao número habilitado pola Xunta, o 900 400 116, e dixéronme que tomara Paracetamol. Como seguía sen atoparme ben chamei ao médico de cabeceira. Eu sempre padecín de infección de oídos e comenteillo e recetoume un antibiótico suave. Non mellorei. Aos síntomas engadíronse outros como catarro, tos e descomposición. Cada día estaba peor. Cun dolor corporal bastante grande e incluso me arrimaba a unha perna.

A cousa foi a peor...
Si, iba a peor. O xoves 27 xa estaba fatal. O meu fillo cansouse de chamar e plantouse dicindo: “Mi madre está mal, hagan algo”. Eu son hipertensa. Aos dez minutos de chamar viñeron a buscarme nunha ambulancia. Tiven que ir sola. Entrei por Urxencias e xa me empezaron a facer analíticas e me puxeron unha vía. Ás once da noite dixéronlles aos meus fillos que quedaba ingresada. Foi o médico, despois de facerme varias probas, o que me dixo que tiña que quedar ingresada porque sospeitaban que podía ter o coronavirus. De inmediato xa me subiron á terceira planta e alí recibíronme con moitísimo cariño.

Que lle pasa a unha pola cabeza nesa situación? 
Pois imaxínate... dinche que penses en positivo, pero... Que vas pensar se te ves tan mal? Solo dicir esa palabra xa me dá pánico, pásame algo polo corpo de recordar a experiencia. Din que é como unha gripe forte... de gripe nada. Eu tiven moitas gripes e non é nada comparable. O que sintes por dentro é desgarrador.

Un mal trance que se pasa alí no Hospital, sola...
A min axudoume Dios e os médicos. E non só eles, todos. Enfemeiras, señoras da limpeza... todas cariñosas e marabillosas. Traballando moitísimo e incluso asfixiadas por eses traxes que teñen que leva, pero dábanme ánimos. A televisión non quería vela, porque xa entraba en pánico de todo o que estaban a dicir. Logo xa me deron o móbil e puiden falar cos meus fillos. Videochamada non quería facer porque era velos e poñerme a chorar e non quería que me viran mal.

Agora está case curada. Que lles diría a esas persoas que están pasando agora por esa enfermidade?
É unha experiencia moi dura. Eu pídolle á xente que sexa consciente de que isto é grave, que non é ningunha tontería. Que loiten moito e que se deixen axudar polo equipo médico. Isto vale para darte conta de que de nada serve todo o que temos nin tampouco ser egoísta. Venche unha historia destas e pódete liquidar, sen máis. E niso tamén hai que pensar.

“Non son capaz nin de dicir a palabra coronavirus. Dinche que penses en positivo, pero veste mal"

Te puede interesar