Quintana cre que o 2021 será bo en produción marisqueira debido á evolución da semente

Quintana cre que o 2021 será bo en produción marisqueira debido á evolución da semente
Embarcacións do libre marisqueo na zona do Bohído | gonzalo salgado

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cre que o ano 2021 será bo en canto a produción marisqueira debido á boa collida que está tendo a semente nos bancos. A responsable autonómica sinala que os informes que ela manexa sobre a situación dos bancos do libre marisqueo non son “tan desastrosos como en principio se podía prever”, aínda que si recoñeceu que ao longo de toda esta anualidade se teñen detectado problemas no desove ou no asentamento da semente, o que provoca que a produción non sexa a esperada agora. A conselleira incide en que “nestes momentos si que hai gran captación de semente e esperemos que as condicións oceanográficos sexan boas para que no ano 21 teñamos recuperacion de todas as colleitas”.

Cabe recordar que o inicio da campaña do libre marisqueo en Arousa -que dende hai unos anos se xestiona por parte da Asociación de Rañeir@s- empezou moi mal para o sector. Dende as diferentes confrarías de pescadores que acoden sobre todo á zona dos Lombos do Ulla falaban da falta de produto de talla comercial e advertían que o outro enclave, O Bohído, non ía poder aguantar a presión das embarcacións que estaban empezando a renunciar a acudir á zona da desembocadura do Ulla por falta de produto de tamaño idóneo.

En todo caso Rosa Quintana sinalou que se mantiñan co sector reunións técnicas de carácter periódico para ver a evolución dos diferentes bancos de marisqueo.

No momento en que arrancou a campaña o pasado mes de outubro parte do sector achacou a problemas contaminantes por determinar a falta de produto de talla comercial nos Lombos. Especies concretas coma o berberecho son as que experimentaron unha baixada máis destacada nesta zona dende que arrancou a campaña, segundo sinalan os mariscadores.

Quintana cre que o 2021 será bo en produción marisqueira debido á evolución da semente

Te puede interesar