Revenidas leva xa o 90 % das entradas vendidas na súa edición máis ambiciosa

Revenidas leva xa o 90 % das entradas vendidas na súa edición máis ambiciosa
A cita festivaleira foi presentada no Fogar do Pescador de Vilaxoán I GONZALO SALGADO

A edición máis ambiciosa do Revenidas está a piques de esgotar as entradas. De feito a organización confirma que xa levan vendido o 90 % do aforo, pero que aínda quedan prazas dispoñibles para os máis rezagados. A cita festivaleira foi presentada no Fogar do Pescador a só uns días de que arranquen cinco xornadas intensas que traeran ata Vilaxoán máis de 40 grupos musicais de corte local, nacional e internacional. E sempre –fiel á identidade Revenidas– apostando pola música galega e en galego que supón o 50 % do total. O director do festival, Xoán Quintáns, foi o encargado de abrir a presentación sinalando que moitos dos contratos con artistas asinados no 2019 e 2020 non puideron cancelarse coa pandemia e a única opción foi aprazalos. Daí que este ano se apostase por unha edición de cinco días, a máis longa da súa historia. “O orzamento deste festival é de máis de medio millón de euros e o 80 % finánciano os visitantes co pago da súa entrada. Despois contamos coa axuda da Deputación, do Agadic e do Concello”, explicou.


O Revenidas de Vilaxoán cumpre nesta edición os 18 anos, unha maioría de idade coa que se regresa á normalidade despois de dos anos no que a cita festivaleira non deixou de celebrarse, pero si o fixo con restricións.


Así pois aparte das actuacións musicais o domingo 11 regresa a gran sardiñada popular. “Respondemos así a unha demanda histórica dos veciños e da xente do mar que quería disfrutala xa que o luns non hai faena”, matizou Quintáns.


A partir do mércores 7 polos escenario instalado na explanada portuaria de Vilaxoán pasarán nomes recoñecidos e consagrados como Zoo, Baiuca, Tanxugueiras, La Pegatina, Boyanka Kostova ou Dakidarría entre outros. O domingo 11 as portas do festival ábrense de forma gratuíta a todos os veciños non só coa gran sardiñada a prezos populares, senón tamén con actuacións circenses, espectáculo e os concertos de Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras.


“Un festival con identidade”


Na presentación de Revenidas estiveron a deputada provincial, Ana Laura, que aplaudeu a ambición da cita vilaxoanesa e que esta siga “mantendo a esencia”. Sinalou que a Deputación estará presente co seu stand “Eu decido, ti respectas” –como xa o ten feito en edicións anteriores– e que colabora cunha actuación do programa “Descúbreas”. Pola súa banda a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou o feito de que o Revenidas sexa un festival que “fusiona música, gastronomía e actividades multidisciplinares”.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, definiu a Revenidas como “o altofalante da música e do carácter de Vilaxoán” e aplaudeu a súa “defensa do galego e das bandas galegas”. De feito destacou como elementos do programa os concertos a bordo do Chasula nun formato máis íntimo (e para os que aínda quedan entradas) o roteiro dirixido por Xurxo Souto ou a cultura mariñeira como eixo central da festa.

Revenidas leva xa o 90 % das entradas vendidas na súa edición máis ambiciosa

Te puede interesar