Recoñecen que actuar en Revenidas é como facelo na casa, dado que o festival vilaxoanés é o que máis músicos do panorama musical galego e de estilos totalmente distintos reúne edición tras edición. O pasado ano convenceron na sesión vermú e este ano retornan cunha lexión de seguidores que xa os viron en festivais de gran formato como “O Son do Camiño”. Xanma, guitarra e voz da formación, fala do que supón para eles volver a Vilaxoán.
Sodes o grupo revelación en galego dos últimos anos, pero... Como nace The Rapants?
Pois Samuel (guitarra e voz) e eu levamos tocando xuntos dende os 13 anos. Matías e Xaquín tamén son de Muros e por coincidencias nas escolas de música e así sempre nos coñecemos. No 2018 decidimos xuntarnos.
A nada do estalido da pandemia.
Si, xusto cando arrancamos sacamos dous EP e o noso primeiro disco foi no 2019. Empezamos a rodar polos festis e todo ía ben ata que, de repente, pandemia. Hai que verlle o lado positivo porque iso tamén nos axudou a asentarnos, a pensar no futuro e a explorar novos sons.
The Rapants ten un estilo propio non só no musical, senón no que a vestiario se define. É parte do show?
Nese ámbito foi Matías o que arrincou con modelitos moi currados para tocar. Despois fomos o resto e cremos que si, que é un elemento distintivo e nós vémonos guapísimos.
Volvedes a Vilaxoán, a un festival que aposta sempre polos grupos da casa. Había ganas?
É un regreso moi especial, dado que agora mesmo e con respecto a todos os festivais que se fan un dos mellores é o Revenidas. E iso demóstrao non só no recinto, senón tamén no propio público. O ano pasado estaba cheo. Aparte gústanos que se lle dea importancia e se poña o foco sobre os artistas independentes, tanto galegos como nacionais, que teñen un carácter propio. É un festival cun estilo de música moi aberto e moi recoñecible.
No Revenidas compartides cartel este ano con grupos que levan anos triunfando como son os Heredeiros da Crus, Ska-P, Zoo ou Dakidarría. Cal é o voso obxectivo?
Para nós foi idílico tocar no Son do Camiño e é tamén volver a Revenidas. O noso obxectivo é seguir medrando e superarnos, sacar nova música e o que teña que vir, benvido sexa. Creo que é un bo momento para a música en galego, sobre todo polo gran número de proxectos variados que hai. Creo que é algo que nunca pasou anteriormente, a diversidade que vai tanto do urbano ao rock and roll.
Hai influencia en The Rapants deses grupos que levan anos tocando en Galicia?.
Si, somos heredeiros dos Heredeiros, de Terbutalina, de Novedades Carminha... Dende a pandemia tentamos darlle un estilo propio e buscar influencias tamén fóra. Somos unha esponxa que imos collendo melodías cos estilos que nos gustan.
E para aqueles que non vos coñecen. Como sodes os The Rapants?
Pois somos a “máquina del buen rollo” e se queren pasalo ben con nós está garantizado. l