Veciñas de Vilaxoán organizan “in extremis” a Festa do Carme con Carlos Blanco como pregoeiro

Veciñas de Vilaxoán organizan “in extremis” a Festa do Carme con Carlos Blanco como pregoeiro
Diario de Arousa-2018-07-07-008-70d28e63

Pese ás alarmas iniciais Vilaxoán terá un cartel festivo do Carme á altura dunha localidade de tradición histórica mariñeira. Un grupo de oito veciñas decidiron coller as rendas da organización desta festa despois de que a comisión do ano pasado se desfixese. Con escasa marxe de maniobra e coa cita festiva á volta da esquina este grupo de mulleres decidiu empezar a pedir polas casas, pedir permisos e facer chamadas para que en Vilaxoán non falten os seus tres días de festa. Entre os platos fortes está que será o humorista Carlos Blanco o que dará lectura do pregón.
Loli Couso explica que “si, somos todas mulleres e empezamos a pedir hai cousa de dúas semanas e a verdade é que a xente respondeu moi ben. Estamos moi contentas”.
Recuperación da tradición
O certo é que os aires novos chegan a un cartel no que, xa o primeiro día (21 de xullo), se recuperan os chamados Cantos de Taberna nun pobo moi cantareiro coma o vilaxoanés. O pregón será ás oito da tarde e, a continuación, terá lugar a subida da imaxe do Carme dende a Cofradía ata a Igrexa Parroquial. Os Cantos de Taberna serán a partir das dez cos grupos “O piobardiño”, “Os amigos” e “Marajota e media” polos bares da localidade. O día rematará coa Festa da Xuventude con “Velvet Crab”, “Dani Barreiro and friends” e “Xunta de Malisia”.
    O domingo 22 segue a festa. A alborada correrá a cargo dos Terribles e da Banda de Ribadumia. A procesión sairá da igrexa ás sete e media da tarde para o seu percorrido marítimo e pola noite a verbena será cousa de Abanico e Alkar. 
     O luns 23 haberá espectáculo de maxia no parque de Dona Concha, actuación da Banda de Música de Vilanova e a partir das oito e media o Vilaxoán Canta. A verbena será cousa de Passarela e de Saudade.

Veciñas de Vilaxoán organizan “in extremis” a Festa do Carme con Carlos Blanco como pregoeiro

Te puede interesar