Vilagarcía planta a semente de vencer de Plácido Castro

Vilagarcía planta a semente de vencer de Plácido Castro
A filla de Plácido Castro, Susi Castro, foi a encargada de descubrir a placa na fachada do colexio Anexo A Lomba, que foi no seu día o Instituto Laboral | gonzalo salgado

Plácido Castro volveu onte ás aulas do que foi no seu día o Instituto Laboral e hoxe é o edificio que alberga o colexio Anexo A Lomba. Fíxoo, evidentemente, de forma simbólica e a través dunha placa colocada na fachada deste centro que lembra que foi aí donde o intelectual galeguista deu clase de inglés entre os anos 1956 e 1967. Nun acto público e ao mesmo tempo íntimo promovido conxuntamente pola Fundación Plácido Castro e polo Concello de Vilagarcía foi a filla do polifacético profesor, Susi Castro, a encargada de retirar o pano coa bandeira de Galicia que cubría a ansiada placa. Ansiada porque Vilagarcía tiña unha débeda histórica cun home que deixou unha fonda pegada no alumnado que tivo a oportunidade de telo como mestre de inglés naquel Instituto Laboral de hai décadas. Entre eles, Carlos Puga. Foi él o que no acto celebrado ás portas do Anexo recordou a aquel “Don Plácido mestre de inglés” ao que definiu como “humilde, moi educado e moi tolerante. Sabía de todo, era un políglota e nós daquela non tiñamos nin idea”. Eses alumnos reúnense agora –décadas despois– unha vez ao ano “e sempre nos nosos recordos daqueles anos aparece referenciado Don Plácido”.


O intelectual recalou na capital arousá cunha vocación docente máis ben tardía e despois de ter sido inhabilitado 14 anos tras ser condenado pola súa militancia galeguista no 1940 



As anécdotas de Puga puxeron o toque máis distendido a un acto formal ao que acudiron representantes da Fundación, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Aínda así foi a súa filla a encargada de falar da traxectoria vital e profesional de seu pai. “Meu pai estaría moi orgulloso deste regreso ás aulas”, afirmou. Sinalou que “a súa vocación docente foi tardía e chegou aquí despois de 14 anos da súa inhabilitación, ditada no 1940, como condena pola súa militancia galeguista”.

Plácido Castro era un home formado e distinguido na época que lle tocou vivir. Estudou en Reino Unido e era un gran coñecedor da lingua e da cultura británicas. De feito esa formación serviulle para destacar como docente en inglés e por manter sempre “un compromiso coa educación e un gran respecto aos seus alumnos”. Pese a que a súa vida laboral estivo sempre vencellada á lingua de Shakespeare, o certo é que Plácido Castro tamén exercía unha apaixoada defensa da lingua galega. Foi el, de feito, un dos que participou nas primeiras retrasmisións en galego na distinguida BBC. O seu non só eran os idiomas, senón tamén o debuxo, a pintura, a poesía, o xornalismo e un sinfín de materias máis. “Era un home con moitas posibilidades a nivel intelectual e podería ter buscado a súa vida noutros altares máis distantes, pero viveu sempre por e para Galicia”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística na súa intervención. Valentín García definiuno con ese sentido “bo e xeneroso” e como un “excelente embaixador de Galicia no exterior”.

Plácido Castro non era vilagarcián, senón que naceu en Corcubión, pero o feito de ter deixado unha pegada importante nos seus alumnos na cidade fai que aquí tamén merecese un recoñecemento.

A edila de Cultura, Sonia Outón, lanzou ao aire o desexo de que algún día se lle recoñeza o seu intenso traballo no Día das Letras Galegas e sinalou que a súa figura quedará xa para sempre en Vilagarcía e como semente entre os nenos que acoden ao Anexo. Unha semente de defensa do idioma, da terra e da cultura galega. 

Vilagarcía planta a semente de vencer de Plácido Castro

Te puede interesar