A xustiza do caracol...

Din que non hai maior tortura para unha persoa que estar condeado ao cárcere sendo inocente. Algo similar debeu pensar o nacionalista Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria co goberno bipartito da Xunta, a quen a Xustiza tivo inhabilitado, na práctica, para exerce-los seus dereitos políticos. A súa imputación polo caso Campión provocou a entrada inmediata do chamado “código ético” dos partidos político e que tivo que deixar de inmediato a súa acta de deputado no Parlamento galego. Agora, tras oito anos de sufrimento persoal, a Xustiza arquiva de xeito definitivo a súa imputación deixándoo nunha situación de alivio, por unha banda, e de desazón pola outra.
A lentitude coa que actúa a Xustiza neste tipo de casos onde se eternizan os procedementos e as investigacións sin que o xuiz instrutor, encargado de sustancia-la acusación, remate de face-lo seu traballo por falta de medios ou por dilación indebida provoca que os afectados se vexan, na práctica, nunha auténtica indefensión cando non nunha “condea de telediario” que en nada favorece á presunción de inocencia que, como neste caso, acaba por se impor… tarde, mal e arrastro.
Outro exemplo de que a Xustiza vai excesivamente lenta é o “caso Presige” onde, despois de 16 anos, o Tribunal Supremo aínda non ten pechado o caso penal do cal se deriva a espera do Estado Español por cobrar preto de 900 millóns de euros de indemnización posto que precisa do pronunciamento do alto tribunal para seguir na procura da recuperación dos máis de 1.500 millóns de euros que reclama ante as aseguradoras por danos e prexuizos pola catástrofe marítima.
Estes dous exemplos non teñen absolutamente nada que ver o un co outro, pero dan unha boa imaxe dos prexuizos que pode causa-la lentitude da Xustiza á hora de dilucida-los asuntos nos que é competente. Despois estranámonos cando o índice de confianza do cidadán na Xustiza neste país sexa un dos máis baixos das democracias occidentais e eso sin entrar a valorar cuestións como que xa todo o mundo está a festexar o nomeamento do presidente do órgano de goberno dos xuices, Manuel Marchena, cando todavía están sin ser escollidas as persoas encargadas de vota-la súa investidura.
A verdade é que despois do recente caso da banca española co “affaire” do imposto sobre actos xurídicos documentados, o famoso caso das hipotecas, onde a imaxe da Xustiza quedou seriamente danada chegamos á conclusión de que todo é posible porque ás veces se non é unha tomadura de pelo, parece, ou non?

A xustiza do caracol...

Te puede interesar