Arousa, un xeodestino estratéxico para acudir a Fitur...

stes días, Madrid volve se-la capital mundial do turismo coa celebración da Feira Internacional de Turismo (Fitur) e unha oportunidade que teñen os concellos galegos para capta-lo interese de empresas e particulares á hora de deseñar unha estratexia turística con garantías de futuro.
Así, durante moitos anos a presenza, tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de Pontevedra, é unha constante que pretende achegar o escaparate dun sector consolidado na nosa terra ao mundo enteiro. Ultimamente, sobre todo despois da crise económica mundial e os problemas derivados do terrorismo internacional, os esforzos dos responsables turísticos autonómicos e tamén comarcais centráronse en captar aquel turismo dos países de alto poder aquisitivo así como doutros emerxentes no leste europeo e Asia co fin de amosar o destino Galicia como un compendio de atractivos susceptibles de ser alternativa a outras lugares que, por problemas de seguridade, van quedando nun segundo plano á hora das preferencias das persoas que viaxan.
Agora, na antesala da celebración do Ano Santo Xacobeo 2021 a nosa presenza neste tipo de eventos faise máis que necesaria, obrigada diria eu para conseguir un fluxo turístico importante cara Galicia e, especialmente cara a Ría de Arousa, como destino final ou complementario a Santiago de Compostela.
A marca España sigue soando con forza no panorama turístico internacional e, coas sucesivas promocións dos distintos xacobeos, Galicia levanta certa expectación e interese entre os amantes do turismo relixioso, o monumental e o de experiencia, sendo o Camiño de Santiago (nas súas distintas vertentes) un dos principais polos de atracción da nosa Comunidade.
Pero temos que singularizar a nosa oferta turística dentro do que é Galicia e eso so se pode facer potenciando as Rías Baixas en xeral e a Ría de Arousa en particular como xeodestino e para elo temos que deixar dunha vez atrás os problemas de localismos e unir esforzos por un obxectivo común que é conseguir levanta-lo interese e as gañas por visitar os pobos que conforman a nosa ría.
Enfrontamentos como os vividos recentemente entre os concellos de Vilanova e Vilagarcía non axudan en nada nin a dar unha boa imaxe exterior nin a tecer os necesarios lazos de unión interior que garantan un esforzo común por rachar o anonimato e o descoñecemento xeralizado no que a Ría de Arousa está en canto ao turismo exterior. Hai que supera-las diferencias entre Arousa Norte e O Salnés e viceversa e, dentro das distintas comarcas os problemas de localismos porque dividíndonos e atomizando a nosa oferta é persistir nun erro que nos impide atopar un sinal de identidade que nos axude a rachar coa indiferencia, ou non?

Arousa, un xeodestino estratéxico para acudir a Fitur...

Te puede interesar