Catoira e a forza dos seus líderes políticos...

Pouco queda xa para comprobar si realmente a determinación dos líderes locais do PSdeG-PSOE e PP de Catoria é suficiente para dar por rematado o periodo de mandato do nacionalista Xan Castaño ao fronte da Alcaldía vikinga ou si, pola contra, as reconsideracións van facendo mella nas bancadas socialista e populares provocando que, nun acto de rebeldía non se poda acadar o apoio da metade máis un dos membros da Corporación para que a moción de censura prospere.

O certo é que non resulta do agradado de moitos a decisión de Alberto García e Iván Caamaño de dar por concluída a lexislatura de Xan Castaño e a negativa a apoiar a xogada por parte das direccións provinciais de ámbalas dúas formacións políticas está provocando máis que dúbidas entre os concelleiros encargados non so de asinar a moción de censura (cuestión feita polas respectivas presións persoais de García e Caamaño) senón de acudir ao Pleno e evidenciar diante do público que dan a súa conformidade activa a un goberno de coalición entre dúas forzas antagónicas unidas agora polo “interese xeral” dos seus líderes locais, a priori, inimigos políticos irreconciliables…

O tempo non está xogando a favor dos intereses de Garcia e Caamaño e no seo das súas respectivas formacións políticas cada vez son menos disimulados os malestares e incomodidades ante a palabra dada diante dos seus respectivos electorados de encarnar un espírito antagónico un do outro. Unha situación un tanto curiosa que si tiveramos que levala a símiles futbolísticos poñeríanos diante dunha visión insólita onde veríamos como se unen Real Madrid e Barça, ou viceversa, para machacar ao Atlético de Madrid…

Calquera podería entender que o Real Madrid unira esforzos co Atlético de Madrid para acabar co Barcelona ou incluso que o Barça se aliara cos colchoneiros para ir contra os merengues, pero esa alianza tan a contrapelo… é de difícil dixestión.

Agora, non sei si será pola psicose do coronavirus, pero máis de un está a propor que os concelleiros dun e outro partido se concentren nun establecemento hosteleiro ata o día da votación da moción de censura (martes 17 de marzo) para evitar sorpresas ou desercións de última hora ou cando menos que a alguén non se lle ocurra facer exame de conciencia, propósito de emenda e acabe por non comparecer na sesión plenaria.

Eso desde logo sería un auténtico esperpento digno de protagonizar o fío conductor dun relato valleinclaniano, ou non?

Catoira e a forza dos seus líderes políticos...

Te puede interesar