Alédame comprobar como, ás veces, a Xustiza fai honor ao seu nome e se producen situacións como as vividas por un adegueiro do Salnés que logrou manter a súa marca fronte ao intento de atropelo de nada máis e nada menos que un dos grandes do mercado, Codorniu, que pretendía que o meañés Carlos Rey Lustres desistira no seu intento de rexistrar a marca “Anadigna”, na honra da súa avoa, por pretendidas similitudes con “Ana de Codorniu”, que tiñan patentado os cataláns.
É unha boa noticia por varios motivos, pero especialmente porque ven a reflectir que a perseverancia e a convicción de estar no camiño correcto fai que moitas veces se impoña o sentido común e a xustiza. Os grandes e poderosos teñen sempre a posibilidade de recurrir a instancias superiores na confianza de que a súa capacidade económica e situación de prevalencia no mercado pode provocar a retirada do afectado por medo aos altos custes económicos que pode acarrear unha derrota nas altas instancias xudiciais.
Aproveitándose desa circunstancia a puxa vai por elevación e moitas veces conseguen doblega-la vontade do oponente, pero non foi o caso deste adegueiro meañés que, con toda a razón do mundo e o sentido común (agora tamén co respaldo do máis alto tribunal español) pode poñerlle o nome da súa avoa a un viño albariño monovarietal elaborado dun xeito moi persoal e, me atrevería a dicir, emotivo.
A verdade é que Carlos Rey, o noso particular David nesta historia, foi quen de manter a templanza e o envite de todo un coloso do mundo dos viños como é Codorniu para demostrar que tiña razón. Pese a elo, como o heroe bíblico, tamén tivo que arriscar moito, non a súa vida, pero si o seu patrimonio posto que se atopou cunha denuncia que lle obrigou a ter que paraliza-la saída ao mercado de 3.000 botellas etiquetadas coa marca “Anadigna” pondo en serio perigo a viabilidade do seu soño, da súa pequena empresa e da súa economía familiar.
Ao final, modestos Davides son os que fan que coa súa valentía non campen ás súas anchas moitos Goliats que abusan do corpo e tamén da súa posición de dominio ante os complicado e farragoso sistema xudicial español onde, en función da capacidade económica que un teña, sopesa a súa auténtica fame de xustiza, ou non?