oParque Natural das Illas Atlánticas, onde están integradas Sálvora e Cortegada, vai avanzando con pé firme para se convertir dun xeito definitivo en patrimonio da humanidade coa aprobación, onte en Madrid, do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) das Cíes no Consello da Rede de Parques Nacionais.
Esta é unha boa nova para os intereses arousáns xa que tanto a illa de Sálvora como a de Cortegada están integradas neste espazo protexido que aumentará aínda máis o seu coidado a través dunha serie de elementos como son a visita ordenada de persoas que, no caso arousán, prevé un cupo diario para grupos autorizados de 250 persoas ao día así como unha serie de medidas que facilitarán unha explotación racional dos seus recursos mariños en colaboración co sector extractivo cada vez máis sensibilizado con estes auténticos santuarios da fauna mariña das nosas rías.
Establecer un código de boas prácticas tanto dos visitantes como das persoas do mar en relación con as Illas Atlánticas será un compromiso colectivo que deberemos asumir todos para garantir a protección e perdurabilidade dun espazo do que nos sentimos orgullosos e que temos a obriga de coidar xa non só para as novas xeracións senon porque temos a responsabilidade adquirida diante da comunidade internacional de que coidamos un patrimonio da humanidade.
Atrás deben quedar tamén os problemas de localismos empeñados en diferenciar as Illas Cíes do resto do Parque Natural, dentro dun proceso insalubre de personalismos e de localismo exacervado que o único que provoca é debilita-lo posicionamento de conxunto facéndolle un flaco favor a Galicia e ao ecosistema que se pretende preservar e protexer.
Con esta aprobación en Madrid, ábrese unha folla de ruta para os vindeiros dez anos onde se asegura tamén un investimento anual de 2,6 millóns de euros que redundará nunha maior conservación e coidado dun lugar paradisíaco e que, como no caso da illa de Cortegada, atesoura xoias da natureza como o maior bosque de loureiros de Europa.
Moitas veces non somos quen de dar aprezo ao que temos, por descoñecemento, por descoido ou deinsterese e, en realidade eso é o que nos fai diferentes e únicos como pobo e temos a obriga de conservalo, ponderalo e proxectalo cara ao exterior non só como signo de identidade senón como valor intrínseco da nosa razón de ser, ou non?