Rachar unha lanza a prol de Amigos de Galicia

Nunca ponderamos o suficiente o labor que desenvolven as organizacións non gubernamentais no noso país á hora de promover iniciativas de carácter social ou mesmo benéficas que o único que buscan é procurar atender e chegar a aquelas persoas ás que non alcanza, ou son insuficientes, os sistemas de protección social das administracións públicas e do Estado do Benestar.

Este labor encomiable non sempre resulta doado pola propia característica do mesmo e polo tipo de persoas ás que vai dirixido o seu cometido. “Fai o ben e non mires a quen”, é unha máxima cristiá pero tamén un sentimento de vida que pode por en práctica non so o crente senón calquera persoa de boa vontade.

Inspirados por ese sentimento móvense en Galicia varias ONGs que procurar atender a gran demanda que, por desgraza, existe no país de persoas que se atopan na fronteira da exclusión social por moitos motivos e ás que hai que darlle unha resposta solidaria que, en ocasións, sae da rutina establecida polos protocolos e os tecnicismos que deben presidir o normal comportamento neste eido en materia social desde as administracións públicas.

A Fundación Amigos de Galicia leva desde o ano 1987 facendo moito ben a milleiros de familias en toda a nosa Comunidade que teñen o infortunio de sufrir as graves consecuencias da crise, do desemprego, das vicisitudes da vida e, incluso, da mala sorte que os coloca nunha situación moi complicada. Programas de axuda alimentaria desenvolvidos por esta entidade, recollidas solidarias de tapóns para combatir enfermidades raras ou axudar a familias con algún dos seus membros cun grave problema de saúde e que precisan de axuda ou mesmo plans de búsqueda activa de emprego son avais máis que suficientes da vocación e do servizo que prestan á sociedade.

Agora, que quizais teñen que adaptar ou mellorar algún dos servizos que prestan a unha maior excelencia dos mesmos non debe representar ni un menoscabo do seu prestixio nin unha mácula no seu expediente e, menos aínda, un motivo para tira-la toalla ou desmoralizarse. O importante é o traballo feito, as persoas ás que se lle axuda e se lles axudou e todo un futuro por diante para demostrar que fai máis quen quere que quen pode.

Canalizar dun modo axeitado a vocación altruísta do ser humano e a capacidade de solidariedade que nos distingue das sociedades incívicas deben ser os principios inspiradores dunha Fundación que leva no seu nome o espírito de superación de Galicia ante as adversidades. Adiante sempre, ou non?

Rachar unha lanza a prol de Amigos de Galicia

Te puede interesar