jueves 22/10/20

Falando con rocha

Agalería Arte Imagen ofrece a mostra “Falando con rocha” de Pepe Ventureira

Agalería Arte Imagen ofrece a mostra “Falando con rocha” de Pepe Ventureira, que aínda que se considera fotógrafo afeccionado traballou do 80 ao 88 como auxiliar de fotógrafo e conta ademáis con algún premio, como o primeiro premio da Bienal Internacional de Fotografía da galería Sky Gallery Arts de Barcelona. Gran parte da súa vida e da súa temática xirou arredor do río Bibei, afluente do Sil, na aldea de Casares (en Ribas do Sil, Lugo): o fluir da auga, o tempo heraclitiano, a evocación da infancia asociáronse coa fuxinte linfa de reflexos de cristal e cos sons, tamén fuxintes, das campás. Logo, tomou terra, fixou os ollos na eterna nai de entranas esgazadas: a rocha granítica, o seixo duro, as laxes afiadas e así xurdiu esta serie que agora presenta na que o drama xeolóxico da erosión permítelle fermosísimos enfoques que destacan as texturas das pedras, as fendas e furados que van deixando nelas as augas das choivas, os contrastes de cor nos que predominan tonalidades terrosas e múltiples variedades de gris.

Estas fotos teñen moita semellanza coas variadas texturas das pinturas matéricas, o que acada facendo encadres mui cercanos, case táctiles, que permiten sentir as rugosidades da dura pel dos penedos e descubrir nelas esgrafiados e riscaduras que lembran pictografías e mesmo petroglifos; por veces, incluso, parece que nos atopamos ante pinturas rupestres, como as de Altamira ou ante quentes paisaxes de África; e sempre, dende logo, podemos imaxinar formas ventureiras que a erosión foi configurando de xeito caprichoso: cabalos, aves, naves, animais, persoas...

Así vai dando títulos poéticos e suxerentes, como O paxaro doente, Gato con coroa, Arlequín, Carabela, A gran cidade, Xogadores de cartas ou Guggenheim, entre outros. Arquitecturas insólitas que non puido soñar o máis ousado dos arquitectos son descubertas por él; entón podemos contemplar todo un Cosmos de rocha bermella invadida por milleiros de brións e brancos liques ou podemos admirarnos diante dun impresionante templo de grosas columnas e poderosos arquitrabes que lembra a monumentalidade dos templos exipcios.
Pero, a carón destas formacións ciclópeas, Pepe Ventureira sabe descubrir tamén o máis fráxil o máis delicado, eso que él nomea Xardin galego, onde a reciedume, a forza titánica da terra, da nacemento a pequeñas criaturas plantiñas lenes, froliñas, herbiñas case milagrosas que saen dun buratiño, dunha físgoa da rocha e penduran no ar. Ponnos así diante do misterio da vida que turra por agromar nas máis adversas condicións e amósanos O parto da rocha, a vulva escura da que todo xermola.

Comentarios