Onde estean o marisco e as sardiñas que se quite a “boloñesa”

ÁS VECES VEXO o “Saber e janar” –“justáballe” tanto ao meu defuntiño!– aínda que recoñezo que pouco me dura a cousa porque acabo perdéndome e cambio, pero non vos pensedes eh... Eu sei moito doutras cousas, pero non como di un sobriño da miña comadre que sempre ten na boca a frase esa de que aprendeu na escola da vida. Si, si... Será que sempre viviu co conto da escola porque vai para os 40 e aínda “seje” a estudar e a conta da miña “amija” que, claro, como non ten fillos a muller... Deus a conserve moitos anos!  O do programa viña a conto porque nunha das respostas facían mención á Festa do Marisco do “Jrove”. Ai! Canto teño bailado eu no “Jrove” co bandullo cheo de navallas, centola e un bo arroz... Eran tempos. Chamoume a atención porque vese que as promocións que o Concello fai polo mundo adiante da festa dan resultado. Precisamente onte estivo o alcalde, José Antonio Cacabelos, en Italia, onde se inventou a salsa esa tan coñecida para botarlle á pasta: a “boloñesa”. Meu neto morre por ela e a min non me fai “jracia” ningunha, onde estean as sardiñas asadas! Aínda que nesta época estean ben caras eu doume o “justo” que para iso é San Xoán. Por certo, está moi ben a escultura que fixo o artista Guillermo Pedrosa para a festa de Vilagarcía e que presentaron onte en Vilaxoán que, por certo,  gran pobo este e as súas xentes... Non che “dijo” máis que a asociación de veciños “pajou” un refrixerio ás autoridades e xornalistas porque morrían co calor que facía no acto. Ademais deume para o cotilleo do día porque, segundo una “amija” que pasaba por alí, o pai do alcalde é un “jran” fan da “Arosa Bay” e non me extraña. Que ben tocan eses rapaces! 

Onde estean o marisco e as sardiñas que se quite a “boloñesa”

Te puede interesar