Onde non os chaman

Haberá expertos que se dediquen a contar votos para saber o motivo de que algúns partidos que dispuñan da maioría absoluta perdan o bastón de mando, pero o que está claro é que houbo un cambio electoral importante no conxunto xeral dos municipios galegos. O espello onde mirarse é Caballero, que de estar en minoría arrasou, mentres A Coruña ou Ferrol foron sepulcros para o PPdeG e Pontevedra ou Carballo son escaleiras ao ceo para o BNG.
Os alcaldes galegos do PPdeG, o resto non nos importa, teñen un problema ideolóxico que deberían de tratarse e facerse mirar. Os veciños recoñecen o traballo ben feito e adoitan premialo elección tras elección até o acomodamento fai que o rexedor comece a actuar como Deus na terra. Isto sucede cada tres lexislaturas en condicións normais independentemente que o mandamáis sexa dun partido ou outro, pero aos populares pódelles o sectarismo e cren que todos os seus votantes son castelán parlantes, que defenden o castelenismo, que son antiabortistas, que apoian os pelotazos, que miran para outro lado cando ven un sobre con diñeiro, que defenden o capitalismo a ultranza e un longo etcétera do manual, que non ideario, madrileño.
Por iso os veciños cambian de voto cada doce anos, a non ser que en catro se acumule todo o que tiña que acontecer en tres mandatos, como lles sucedeu a algúns rexedores que fixeran a política do PP de Madrid adaptada ao seu concello confundindo austeridade con vagancia ou fiándose da recuperación inmobiliaria cando en Galicia o suposto despegue da economía chega con catro anos de retraso como mínimo.
A fin de contas, os concellos non teñen capacidade para subir ou baixar o IVE, regular o mercado laboral ou abaratar o mercado da enerxía. As súas competencias son outras e os veciños queren velas e tocalas e non só nas festas populares, touradas ou grandes actuacións concentradas no verán, mentres que o resto do ano, nada de nada ou só poñer carteis. Animo a que estes días de bo tempo que veñen os lectores se paren en botar unha ollada aos miles de indicacións en fomento do bilingüismo que asoman ao entrar en certos concellos por estrada, Un gastamento de cartos que podería ser destinado a outros asuntos máis perentorios para os veciños. Iso si que non é austeridade, é malgasto e confrontación gratuíta.
É que algúns alcaldes metéronse onde non deberían e dedicáronse a facer política allea e non mirar para os cidadáns, que son quen vive baixo o seu mandato. Como aquel rexedor a quen non se lle ocorreu outra cousa que no último ano de mandato reformar o caos circulatorio endémico da súa cidade impoñendo máis multas e dixo que era para evitar atropelos. A xente non é imbécil.

Onde non os chaman

Te puede interesar