Aquí e agora

No momento de escribir estas liñas acábase de anunciar a convocatoria de eleccions xerais para o 28 de abril. É, por tanto, un momento deses que se califican como histórico, como case todo o que ocurre dun tempo ata aquí en que todas as semanas teñen tres ou catro días históricos. A este paso imos celebrar os días normais.
Na realidade, si que estamos ante un momento crucial. Xa teñen eleccións os que levan pedíndoas dende que non gobernan, porque a verdade é que a dereita ten ese hábito tan curioso (e perigoso) de considerar que as eleccións solo están ben cando as gaña, pero que cando non goberna todo é ilexítimo. Da a sensación de que os políticos da dereita, de Aznar a Casado pasando por moitos outros, consideran que o poder é unha propiedade e que ninguén máis ten dereito a exercelo. E, se alguén osa discutilo, é un antipatriota. Por eso adicaron todo o seu esforzo a bloquear e dificultar. Da igual que se suba o salario mínimo, revaloricen as pensións, aumenten as becas…todo debe explicarse en termos de poder. E de bandeiras, que seica son o máis importante que hai. O día que unha bandeira cure a un enfermo ou ensine matemáticas a unha nena será todo un avance. Ata entón, eu crerei máis nun país que mide o seu patriotismo no número de enfermeiros que no tamaño da bandeira.
Habendo eleccións todo o país vivirá, se aínda é posible máis, certa convulsión e moito debate. Probablemente deberemos elexir entre entendernos os que pensamos distintos pero queremos falar, e os que creen que hai que berrarse a ver quen o fai mellor. Parece que desta volta non caberán moitas medias tintas. Hai un país gris, oscuro e autoritario que se ve polo retrovisor da dereita, ese que se fotografiou cara o sol hai poucos días. Está aí, agazapado.
Por iso estas eleccións son unha grande oportunidade. A que temos para reconciliarnos todos e todas os que algunha ou moitas veces nos fumos atopando no mesmo lugar. Tantas persoas que se sentiron nalgunha vez ilusionadas por un verdadeiro proxecto de país progresista e que, seguramente non sen razón, quixeron expresar as súas decepcións de varias maneiras. Non hai mellor maneira de entendernos que ser conscientes do momento. Todas estas persoas temos un país pendente, como quen ten un café pendente con un bo amigo ao que cada vez ve menos, pero sabe que ten que facer por atoparse. 
Non son, efectivamente, unhas eleccións calquera. Son, probablemente, as máis decisivas que nos toca vivir aos que nacemos en democracia. Hai que ser autocríticos pero mirar á fronte e ao lonxe. As ameazas son grandes. A posibilidade dun país mellor, é máis grande todavía.
 

Aquí e agora

Te puede interesar