• Domingo, 23 de Septiembre de 2018

A nova política e Domingos Merino

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral

En abril de 1979 Domingos Merino, candidato da exitosa fórmula electoral Unidade Galega (que xuntaba o Partido Galeguista, o PSG e á futura Esquerda Galega) era elixido alcalde d’A Coruña. O primeiro alcalde nacionalista da súa historia. O primeiro alcalde democrático despois da longa noite de pedra da ditadura franquista.
A Coruña sofrira naquela noite de pedra. A represión franquista liquidara a súa clase dirixente, de xorne liberal e democrático. A especulación urbanística empobreceu a paisaxe e arrequeceu uns poucos. O concello aguniaba sen organización nin tesouraría.
Merino abriu as portas do concello á cidadanía: primeiro Regulamento de participación cidadá, voz aos veciños nos Plenos, xuntoiros do Goberno local e moitas Comisións Informativas. Os tenentes de alcalde da UG Gonzalo Vázquez Pozo (Gobernación e Persoal) e Pura Barrio (Facenda) estruturaron unha Administración eficaz, socialmente consensuada e moderna, unha Facenda saneada e un orzamento equilibrado. E o concelleiro Rafael Bárez redactaba un Plan Xeral urbanístico pensando na veciñanza e non no interese dos promotores.
Domingos Merino compatibilizaba a apertura democrática, a xestión eficaz e transformadora, a galeguidade reivindicativa e un coruñesismo moderno, que quería A Coruña como faro de Galicia. Mais o lobby da Coruña clasista e antiga e os intereses dos grandes promotores urbanísticos artellaron unha maioría contraria ao goberno local, xuntando ao PSOE coa UCD e AP. Unha campaña de comunicación “ad personam” chea de odio e falsidades ( moi semellante ás sofridas polo alcalde vigués Lois Pérez Castrillo no 2002-2003 e polo vicepresidente Anxo Quintana en 2008-2009) tentou desprestixiar e illar socialmente ao alcalde. Poucos días despois do 23-F Merino demitía nun exercicio de dignidade política. E dous anos despois Francisco Vázquez, candidato do lobby que coaligaba os sectores da burguesía franquista cos novos grandes promotores, obtiña maioría absoluta e comezaba desmontar os alicerces da política urbanística e de participación democrática do Goberno de Domingos Merino.
Merino anticipou no 1979 a verdadeira nova política: apertura á sociedade, participación cidadá, eficiencia nunha xestión transformadora e consenso social. Os alcaldes galeguistas e progresistas haberían deprender ben desta lección.