A parroquia dos mortos

Chega puntual esa data anual que conmemoramos como Día dos Defuntos. Tempo para facer unha dobre reflexión: A importancia cultural que para nós representa esa tradición de lembranza para os nosos devanceiros coa visita aos cemiterios; e, tamén, máis unha vez a importancia de conquistar novos campos de normalización para o uso da lingua galega no proceso fúnebre que vai parello á publicación dunha nota mortuoria, da lingua na cerimonia de acompañamento e, finalmente, da inscrición na lápida que manterá viva a súa memoria no camposanto. Para alén diso, racionado con ámbalas dúas consideracións, a campaña “Deixa en herdanza a túa lingua”, que nos trae ao recordo a vixencia dun protocolo notarial coñecido como manda testamentaria.
Así, o colectivo Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, vén publicando unha colección de libros titulados “En galego, agora e sempre”, que recollen modelos de mandas testamentarias na que se lles encomenda aos beneficiarios da herdade a defensa do patrimonio cultural e lingüístico, como un legado inmaterial que deben conservar no futuro. Esta figura, habitual noutros tempos históricos para impoñer obrigas aos legatarios da fortuna do finado, as máis das veces de tipo piadoso para concertar misas e responsos, é nesta ocasión unha licenza literaria que permite transmitir un mandado en relación á necesidade de asegurar aquel repto de Cunqueiro pedindo mil anos máis para a nosa lingua, petando na sensibilidade do lector.
Un mandamento, polo que se desexa “benqueridos fillos e fillas, aquilo que con paixón e orgullo herdei dos meus pais e avós, galegos de cerna que mantiveron viva a riqueza dos nosos costumes, que mimaron as paisaxes poñéndolles nomes a cadanseu anaco de terra, que requeceron o noso cancioneiro musical e que plantaron arbores que aínda dan froitos e sombra nas nosas herdades. Gustaríame ser recordado nas verbas da nosa fala, polo esforzo persoal en manter en pé o noso patrimonio familiar e polo coidado respecto que sempre tiven pola diversidade. Pídovos que eduquedes aos vosos fillos ou fillas no amor a nosa lingua, para que nela vivan e expresen o seus sentimentos, utilizando acotío nas relacións sociais e nas súas actividade profesionais. Pídevos se for posíbel que celebredes todos os anos unha xuntanza familiar para renovardes o voto permanente de galeguidade que non é outro que o amor a Galiza, estimulando dese xeito a defensa do legado máis prezado que podo deixar: A lingua galega”.  
A parroquia dos mortos, metáfora asentada na memoria familiar e colectiva, dende o seu espazo simbólico no curruncho territorial dos cemiterios, reclama o seu dereito a ser respectada no coidado e preservación do patrimonio cultural e lingüístico que legaron á parroquia dos vivos: O idioma galego que nos outorga personalidade e identidade propia. Cúmprase a súa vontade.  

A parroquia dos mortos

Te puede interesar