O aborto da lei

Non é un trabalinguas, non. O aborto da Lei do Aborto, iniciativa de Ruíz-Gallardón, rotulado co eufemismo “anteproxecto de lei orgánica de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada” cae do calendario lexislativo por unha necesidade electoral do Partido Popular metido de cheo nunha estratexia de medo polo demoledor desgaste que lle sinalan as enquisas a respecto da previsión de resultados para os vindeiros comicios municipais e autonómicos. Situación que ven de comunicar o presidente Rajoy nunha xuntanza, opaca, celebrada a comezo deste mes na cidade de Sigüenza co comité de dirección do partido. A oposición desatada coa proposta, incluído parte dos seus, polo marcado acento de rancio involucionismo e claro atentado aos dereitos históricos conquistados pola muller, levan a valorar polo PP que “é máis o que se perderá que o que pode gañarse” coa insistencia obsesiva na aprobación deste proxecto. Non se validará, logo, o compromiso do ministro asegurando que “antes de que remate o verán” estará aprobada polo Consello de Ministros para posterior tramitación parlamentaria. Debe entenderse que falaba do verán astrolóxico, o que remata co entrada do outono no hemisferio norte dentro de poucos días. Vai ser que non.  Coa frustración ameazante dos grupos que apoiaron o seu proxecto, a clara desautorización da que é obxecto polo Goberno e o lastre acumulado na súa xestión, non lle vale a xustificación de que aparca esta iniciativa estrela para “centrar todos os esforzos do seu departamento en responder ao desafío da soberanía catalá”; e dicir, en intentar abortar a lei de consultas do Parlament co brazo armado da Fiscalía e do Tribunal Constitucional que el comanda. Certamente, quen te viu e quen te ve. O titular de Xustiza cheira a cadáver político.Non pode disimulalo. Por iso non é de estrañar a súa presenza nos obituarios e declaracións de adulación á figura dos dous destacados empresarios falecidos nestes días. Pouco tempo lle queda no convento. Así, metidos nesta dinámica peculiar e deporte político singular, abortando proxectos de lei, vista a desafección electoral ben puidera darse a posibilidade de deixar en situación de “non nata” a reforma da Lei Electoral que xa logrou co seu anuncio poñer a todos en contra. No partido do Goberno pensan que non deben complicar as cousas máis do que xa están. Manda a teoría do pánico:  facer pouco e sen ruído.

O aborto da lei

Te puede interesar